A Deputación concede máis de 10.000 € á asociación ‘O Piueiro’ de A Guarda para rehabilitar o seu volanteiro e promocionar a cultura mariñeira transfronteiriza

A embarcación precisa melloras na vela, a pasteca, drizas e aparellos para seguir realizando actividades de dinamización e rutas marítimas  

31/08/2022

Volanteiro de O Piueiro  

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Patrimonio, vén de conceder máis de 10.000 euros para restaurar o volanteiro guardés 'O Piueiro', unha embarcación tradicional da zona transfronteiriza con Portugal. A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais O Piueiro de A Guarda conseguiu unha moi boa cualificación dentro da liña Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial da Deputación, que en toda a provincia chegou a 21 entidades beneficiarias.

A deputada responsable da área, María Ortega subliña que o interese pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial e polas axudas foi crecente dende a creación destas. Destacou que no 2020 -ano no que se puxeron en marcha- as subvencións chegaron a 14 colectivos e repartiron algo máis de 100.000 euros, mentres que en 2021 chegaron a 16 asociación e repartiron uns 128.000 euros. Neste ano, no total da provincia a liña de axudas deu financiamento a colectivos, principalmente localizados no Salnés (9), pero tamén en Pontevedra (2), Baixo Miño (1), Morrazo (2), Deza (2) e Vigo (5).

No caso do volanteiro 'Piueiro', a asociación responsable destaca que foi construído co fin de recuperar o patrimonio histórico da zona, posto que era unha embarcación das máis grandes que se utilizaban na vila de A Guarda, pero cuxo uso desapareceu no século XX despois de ter documentada a súa existencia xa no XVII e o seu auxe no XIX.

Trátase dunha embarcación de 12,22 metros de eslora total, sen cuberta, propulsada a vela e manualmente mediante remos, que conta cunha vela latina de 85 metros cadrados, suxeitada por un mastro de 12 metros e unha botavara de 10 mestros. A súa construción levouse a cabo grazas a recompilación de documentación e arquivos dispoñibles nas zonas costeiras de Baiona hasta Poboa de Varcim (Portugal).

Actualmente, Piueiro ten un papel fundamental para dar a coñecer unha parte da historia mariñeira de A Guarda e para que todas as persoas visitantes que se acerquen a vila poidan visitar e mesmo realizar rutas pola zona costeira. Acolle rutas marítimas pola costa, participa nas Festas do Carme, e tamén na homenaxe a Rosalía de Castro, entre outras actividades.

Para dar continuidade a estes proxectos, a embarcación precisaba de melloras na vela, nas drizas e aparellos, na pasteca, así como a instalación dun novo transfoomador e a colocación dunha batería de emerxencia.

Musealización e promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas (Liña 2) son as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.

Tamén se fomentan axudas (Liña 3) para intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. Por primeira vez nesta edición presentáronse proxectos para esta terceira liña, sendo beneficiarias dúas entidades da comarca do Deza para a rehabilitación dun muíño e para a musealización dun espazo destinado ao Patrimonio marítimo fluvial en Lalín.