Noticias

A Deputación concederá 30.000 euros en bolsas de estudos aos gañadores do certame Novos Valores 2016

Recupérase, deste xeito, a fórmula das bolsas de ampliación de estudos dos chamados 'pensionados' de 1925 para promover a formación artística de creadores e creadoras noveis


06 xuñ 2016

Hoxe publícanse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases que regularán o Certame de Artes Plásticas Novos Valores para a edición 2016. O máis destacado desta convocatoria é a recuperación da fórmula dos antigos 'pensionados' establecidos a partires de 1925 para promover as viaxes de estudos artísticos. Deste xeito, para este ano establécense catro bolsas por importe de 7.500 euros cada unha para ampliar os estudos artísticos das persoas que resulten gañadoras do certame. Como complemento a este premio, a Deputación tamén se compromete a programar nas instalacións do Museo de Pontevedra, no ano seguinte á finalización da bolsa, unha exposición con obras das catro persoas premiadas.

A concesión da bolsa establecerase mediante un convenio entre a persoa gañadora e o ente provincial, concretando o emprego da mesma e o prazo, que non será superior a un ano. Ademais de cursar a citada ampliación de estudos artísticos, a persoa adxudicataria deberá entregar unha memoria xustificativa e unha obra orixinal e asinada.

A recuperación da fórmula de 'pensións a novos autores' para apoiar a creadores e creadoras noveis, faise coincidir coa conmemoración neste ano do centenario da chegada de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao á cidade de Pontevedra, e coa celebración do Ano Castelao da Artes proclamado pola Real Academia Galega das Belas Artes.

Participantes e prazos

Neste certame poderán participar todos e todas as artistas, sen límite de idade, susceptibles de seren considerados novos valores e de diferentes disciplinas artísticas tales como pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación.

Deben presentar obras orixinais e non se admitirán as que xa fosen expostas noutras mostras, tanto individuais como colectivas, ou que figurasen noutros certames. Aceptarase unha obra por artista en cada disciplina e o seu peso non poderá superar os 500 quilos nin os 2 metros.

As obras deberán ser entregadas no edificio Castro Monteagudo entre os días 30 de xuño e 13 de xullo, ambos incluídos. As obras presentadas serán obxecto, ademais, dunha primeira selección coa que se conformará a mostra Novos Valores 2016, que estará aberta ao público nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia entre o 4 de agosto e o 11 de setembro.