Noticias

A Deputación de Pontevedra conmemora o Día Mundial das Enfermidades Raras tinguindo de verde o Pazo provincial

A institución únese á demanda da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) para concienciar á sociedade e visibilizar estas enfermidades que en Galicia afectan a unhas 200.000 persoas


26 febreiro 2021
Iluminación día Enfermidades Raras

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo provincial desde a tarde deste venres e ata o vindeiro luns, ao abeiro da conmemoración do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra este próximo domingo 28 de febreiro. Deste xeito, a institución únese á demanda da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) para visibilizar e difundir as enfermidades minoritarias, apelar sobre a importancia do fomento da investigación neste ámbito, e concienciar á sociedade sobre estas doenzas que en Galicia afectan a unhas 200.000 persoas.

O Día Mundial das Enfermidades Raras ten lugar o último día de febreiro desde o ano 2008 precisamente por ser febreiro un mes peculiar, que dependendo do ano pode ser bisesto ou non. En canto a cor, escolleuse a verde como representativa das enfermidades raras por simbolizar a esperanza. A celebración desta data responde á necesidade de crear conciencia e axudar a todas as persoas que padecen enfermidades raras e ás súas familias, impulsando o seu estudo e investigación científica para atopar as causas que as determinan e mellorar a calidade de vida das e dos que as padecen.

As enfermidades raras afectan a unha pequena parte da poboación e teñen, en xeral, un compoñente xenético. Deste xeito, en Europa considérase enfermidade rara aquela que afecta a unha de cada 2.000 persoas e están incluídas neste ámbito unhas 6.000 doenzas minoritarias. En España padecen estas enfermidades aproximadamente tres millóns de persoas que afectan ata o 8 % da poboación mundial, un total de 350 millóns de persoas afectadas.