A Deputación continúa a súa aposta pola formación nos concellos rurais con dous novos cursos en Meaño e Mondariz

O programa provincial “TIC Emprendes” abre o prazo de inscrición para capacitarse en Márketing Dixital e para Operarias/os de xestión loxística e dixital dun almacén

23/08/2022

TIC Emprendes  

O programa impulsado pola Deputación e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, TIC Emprendes volve evidenciar a aposta polo mantemento da poboación no rural a través do autoemprego de mozas e mozos aproveitando as oportunidades que brindan as tecnoloxías. Desta volta ofrece cursos deMárketing Dixital, en Mondariz, e de Operaria/o de Xestión Loxística e Dixital dun Almacén, en Meaño. Estas dúas formacións, para as que se ofertan 15 prazas por acción, xa teñen abertas as inscricións ata o día 15 e darán comezo o 19 de setembro nos concellos de Mondariz e Meaño respectivamente.

Ambos cursos terán unha duración total de 125 horas lectivas: 100 de formación específica e 25 de xestión do autoemprego ou creación de empresas. A formación de "Marketing Dixital: estratexias SEO/SEM, redes sociais e análise de tráfico web" , proporcionará coñecementos básicos sobre como crear una estratexia de márketing na Internet facendo fincapé na necesidade da presencia online no eido do emprendemento para dar visibilidade e potenciar as vendas das empresas de nova creación. A actividade está dirixida á mocidade de Mondariz. Pola súa banda, a formación de " Operaria/o de Xestión Loxística e Dixital dun Almacén", que se ofrecerá en Meaño, especialízase en actividades de auxiliar de almacén, prevención de riscos laborais e radiofrecuencia amais dun módulo de carretilleiro e a promoción do autoemprego en actividades deste ámbito.

En cada itinerario ofrécese formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego e asesoramento para a creación da propia empresa. Ademais, os alumnos que rematen o curso, terán dereito a solicitar unha bonificación económica por un importe de 13,45 € por día de asistencia á formación. O programa ten como metas que o 15% das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora e que o 30% obteña un emprego .

Este proxecto proporciona formación para o emprego á mocidade dos concellos rurais da provincia de entre 16 e 30 anos, desempregada, inscrita na iniciativa "Garantía Juvenil" do Servizo Estatal de Emprego e residente nalgún dos 31 municipios participantes no proxecto. "Tic Emprendes" está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento global de máis de 700.000 euros. O programa ten como obxectivos fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara o emprego e loitar contra o despoboamento, propoñendo alternativas que fixen a xente moza nas zonas con maiores problemas demográficos. En concreto, céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que están declarados concellos de Reto Demográfico: A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Portas, Pontecesures, Catoira, Cuntis, Valga, Forcarei, Silleda, Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Oia e O Rosal.

 

O programa, con contidos e actividades que poden consultarse na ligazón https://www.depo.gal/-/tic-emprendes mantén aberta a inscrición para participar en próximas accións formativas que se irán desenvolvendo. Esta formación é gratuíta e as persoas interesadas poden acadar información no correo ticemprendes@depo.gal ou nos teléfonos 886 217 320 e 986 804 100 (extensión 47320).