A Deputación crea a categoría A+ nas bolsas Depo Dan para as e os mellores deportistas con discapacidade da provincia

É a gran novidade da cuarta convocatoria das bolsas deste ano da marca provincial co fin de “facer o deporte inclusivo”

15/07/2022

Rolda de prensa de Carmela Silva  

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras para a concesión das axudas Depo_Dan e Depo_Promesa ás e aos deportistas que acaden a categoría de deportista de alto nivel ou promesa. Estas bolsas, dotadas cun orzamento total de 250.000 euros, destinaranse a apoiar e posibilitar a súa participación nas competicións internacionais e nacionais e así axudarlles na consecución dos logros que lles permitan acadar a súas futuras metas deportivas. En total, o ano pasado foron becados e becadas 204 deportistas, 155 Depo_Dan e 49 Depo_Promesa, dos que 84 (41%) foron mulleres.

A principal novidade desta cuarta convocatoria é a creación dunhas novas axudas, as Axudas Plus (A+) para deportistas con discapacidade , que estaban integradas na outra categoría pero que acadan agora unha marca específica para reducir a desigualdade no ámbito deportivo empregando o deporte como ferramenta de integración e inclusión social. Esta iniciativa, como explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xorde "para facer deporte inclusivo" para o que é "fundamental que dispoñamos de recursos. As e os deportistas que consigan as bolsas recibirán, ademais, un maior importe "xa que teñen unha dobre dificultade: os gastos que lles supón ser deportistas de alto nivel e os que implican a súa diversidade funcional".

Para obter o recoñecemento da categoría de deportista de alto nivel ou promesa da Deputación de Pontevedra para o presente ano, as persoas solicitantes deben ter nacido na provincia ou estar empadroadas nalgún dos seus concellos, estar recoñecidas como deportistas de alto nivel autonómico ou estatal, contar cunha licencia deportiva, non estar cumprindo ningunha sanción disciplinaria deportiva ou administrativa e non estar inmersas en ningún suposto de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

A concesión das axudas realízase mediante réxime de concorrencia competitiva e establécense catro grupos para cada categoría, en función dos resultados acadados no 2021 ou no 2020, no caso de aquelas competicións que teñan carácter bianual ou que non se celebraran pola covid-19 ou por outras causas excepcionais.

Deste maneira, os e as deportistas que obtén ao recoñecemento Depo_Dan (grupo A) poderán solicitar as axudas A1, con 2.000 euros se acreditan un podio nun Campionato do Mundo; A2, con 1.250 euros, cun 4º posto en adiante no Campionato do Mundo ou podio no Europeo; A3, con 900 €, do 4º posto en adiante nun Campionato de Europa ou podio no Campionato de España, ou A4, 500 €, cun 4º posto en adiante no Campionato de España ou podio no Campionato Galego.

O mesmo ocorrerá co grupo A+, para deportistas de alto nivel con discapacidade que recibirán 3.000, 2.000, 1.500 ou 1.000 euros; e co Grupo B, DepoPromesa, con 1.200 euros; 800 euros e 500 euros (neste caso non existe un grupo para o campionato galego).

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.