Noticias

A Deputación crea unha Comisión Técnica para asesorar os concellos cara á posta en marcha dun plan coordinado de acción local pola COVID-19

A iniciativa aprobouse no Comité de Seguimento da COVID-19 por unanimidade de todos os grupos e co respaldo do voceiro do PP, Jorge Cubela


15 maio 2020
Comisión Técnica de asistencia aos concellos

Carmela Silva anunciou hoxe o acordo do Comité de Seguimento da COVID-19 para a creación, por parte da Deputación de Pontevedra, dunha Comisión Técnica para a Asistencia Municipal, que servirá para asesorar os concellos nas dúbidas sobre as competencias e actuacións que terán que desenvolver na nova normalidade trala COVID-19.

Esta comisión, que xorde pola necesidade que os concellos, especialmente os 59 de menos de 50.000 habitantes, teñen "de apoio técnico para tomar decisións intelixentes", constitúe o primeiro paso para a posta en marcha dun plan coordinado de acción local na provincia impulsado pola Deputación trala crise sanitaria. A presidenta remarcou que a iniciativa "é froito do acordo dos grupos; de feito, aprobouse por unanimidade e co respaldo do voceiro da oposición, Jorge Cubela, e daralles resposta ás demandas que moitas alcaldesas e alcaldes nos formularon tras as reunións mantidas".

A comisión, que é paritaria e reúne sete funcionarias e sete funcionarios de alto nivel da Deputación, ofreceralles información aos concellos sobre os asuntos máis "relevantes" que "afectan todas as políticas sociais e económicas" tras a crise da COVID, desde os que se refiren á materia orzamentaria ou os relativos ás limitacións no acceso aos espazos públicos e o distanciamento social. Neste sentido, a presidenta resaltou a "especial importancia" que terá este novo órgano, xa que desenvolverá dúas funcións esenciais. Dunha banda, asesorará os concellos en aqueles ámbitos da súa xestión e competencia, garantindo a asistencia e a cooperación xurídica e técnica "en todas as cuestións vinculadas á xestión tanto ordinaria coma extraordinaria provocada pola COVID-19". No marco desta primeira función crearase un espazo web no que se subirán periodicamente "todas as consultas feitas polos diferentes concellos e as súas correspondentes respostas para que, dun xeito global, poidan ser usadas por outras entidades e se convertan en boas prácticas".

"A comisión vai asesorar, por exemplo, sobre como se poden facer as modificacións orzamentarias que van ter que facer todos os concellos; sobre cales son as competencias en materia municipal que a lei lles permite ter e cales son as doutras administracións, para que lles poidamos pedir que as asuman con recursos, e cuestións que teñen que ver con liñas de subvencións, actuacións en cemiterios, limpeza viaria, limpeza de edificios públicos, desenvolvemento de feiras e mercados, lonxas ou comercio ambulante". Tamén ofrecerá consello, engadiu, "sobre todo o que teña que ver con materia impositiva; o que lles permite ou non a lei" e cuestións relacionadas co uso do espazo público "e como garantir o distanciamento social". "Hai, por exemplo, vías que teñen dous metros de anchura. Entón, como podemos cumprir que haxa ese distanciamento?", engadiu a presidenta. "Nós imos asesorar sobre eses temas e os que teñen que ver con urbanismo, parques públicos, xardíns, nova organización de terrazas e de praias, distribución de espazos de acceso e moitas máis cousas".

"Un documento vivo"

A outra función esencial que terá a comisión será a elaboración "dun documento de carácter dinámico e vivo, en colaboración cos concellos, que recolla todas as medidas e estratexias que se realizarán en cada un dos ámbitos de competencia municipal que se poidan ver afectados pola COVID-19, tendo en conta que vai cambiar a normativa, as instrucións, as ordes e as recomendacións que se vaian ditando. Por tanto, teremos que ir modificando ese documento para que poida ser usado polos concellos". Carmela Silva explicou que, aínda que a vixencia inicial da comisión é ata decembro de 2020, "creo que vai quedar de forma estrutural".

Coordinada polo responsable do Servizo de Asistencia Intermunicipal da Deputación, Gabriel Rodríguez Alonso, e co respaldo do secretario da corporación, a Comisión Técnica integra persoal dos servizos de Intervención, Recursos Humanos, Cooperación, Arquitectura, Riscos Laborais, Servizos Sociais, Infraestruturas, Mobilidade, Contratación, Revitaliza e I+D+I, Igualdade e ORAL, o cal resolverá dúbidas sobre tributos, taxas e prezos públicos. Silva fixo extensivo o seu agradecemento para abarcar todas e todos os seus integrantes, "porque todas e todos aceptaron e este é un traballo engadido ao que xa teñen, que aumentou moi substancialmente pola COVID-19".

Audios

  • Audio