Noticias

A Deputación cumpre o seu compromiso cos colectivos veciñais de Portonovo e acomete obras urxentes na EP-9206 para garantir a seguridade peonil

Trátase dunha actuación provisional á espera de manter unha reunión co Concello de Sanxenxo para abordar un proxecto definitivo


08 agosto 2019
Portonovo

A Deputación de Pontevedra, cumprindo o seu compromiso cos colectivos veciñais da zona, realizou unhas obras urxentes e inmediatas na estrada provincial 9206, que vai da Vichona a Portonovo, para garantir de forma efectiva a seguranza viaria das e dos viandantes. Trátase dunha actuación provisional da institución provincial, que está á espera de manter unha reunión co Concello de Sanxenxo, ao que lle remitiu unha carta esta mesma mañá para pechar un encontro e chegar a un acordo para poñer en marcha un proxecto definitivo.

Máis polo miúdo, trátase dunha vía que transcorre por un tramo urbano e chega ata a praia de Baltar, cun gran tránsito de peóns e vehículos. Neste eido, a problemática para as veciñas e veciños afectados consistía en que os vehículos poñían en perigo a seguridade peonil ao non respectar a sinalización horizontal, xa que se trataba dunha zona pintada con liña continua. De feito, hai só unha semana, o deputado provincial de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís, reuniuse coa Asociación de Veciños San Miguel de Adina, a ANPA do Colexio Abrente e a Plataforma Veciñal O Pombal, con quen se comprometeu a realizar unha urxente actuación na vía, agora rematada, para garantir provisionalmente a seguridade peonil á espera de acometer un proxecto definitivo en colaboración co Concello de Sanxenxo.

Para darlles unha solución rápida ás demandas veciñais, a Deputación de Pontevedra executou unhas obras provisionais de pavimentación dunha das beiravías en aglomerado en quente, seguidas dunha instalación de balizado para impedir o paso dos vehículos. Con esta actuación gañouse un espazo de arredor de dous metros para as e os viandantes e garantiuse a súa seguridade.