A Deputación dá luz verde ao proxecto da senda peonil na EP-9702 As Sinas-Vilanova

As obras da estrada contarán cun orzamento próximo aos 275.000 euros, dos que a entidade provincial aportará o 80% e o Concello o 20% restante

08/07/2022

Rolda de prensa  

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de execución da obra de mellora da mobilidade peonil na estrada EP-9702 As Sinas-Vilanova. Trátase dunha nova actuación para seguir ofrecendo ás e aos peóns da provincia espazos máis seguros na rede de estradas provinciais. Unha obra que, segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "vai ser un cambio moi importante para esta vía" e eliminará os principais problemas para a mobilidade dos e das veciñas que existen na actualidade.

O orzamento total para a execución da obra ascende aos 273.067 euros, dos que a Deputación aportará o 80% (218.454 €) e o Concello de Vilanova de Arousa o 20% restante (54.613 €). A actuación central consiste na construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada entre o punto quilométrico 1+415, despois de pasar a zona recreativa das Sinas, e o 2+225, á altura do aparcadoiro da praia. Terá unha anchura mínima de 2,5 metros, será de formigón armado e estará separada da calzada por bordes prefabricados do mesmo material. Ademais, contará con drenaxe mediante sumidoiros situados entre a calzada e a propia senda.

Esta obra permitirá garantir as condicións de seguridade das persoas que transitan pola zona de acceso á praia das Sinas, pois actualmente a estrada EP-9702 conta con dous carrís de 3,5 metros de anchura con beiravías de 0,5 metros na maioría dos tramos. Na zona inicial, a plataforma actual ten uns oito metros, cunha beirarrúa que na actualidade ten unha anchura moi variable, de entre un e dous metros. No só iso, senón que un dos principais problemas é que parte da beirarrúa existente está ocupada por servizos públicos como apoios á distribución eléctrica, telecomunicacións, alumeado público, etc.

Ademais da construción da senda peonil, tamén se realizarán outras actuacións para mellorar a mobilidade das e dos veciños e visitantes. Así, reducirase o límite de velocidade aos 30 km/h, construirase un paso de peóns elevado adicional aos que xa existen na actualidade, instalarase unha nova sinalización vertical e horizontal, na marxe esquerda conectaranse servizos públicos como a rede de drenaxe de pluviais e prolongarase a nova rede de drenaxe mediante un colector. Isto completarase coa tala e roza dos elementos necesarios para executar a senda prevista, así como o fresado e repavimentación do firme que existe na actualidade.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.