Noticias

A Deputación dá o "pistoletazo" de saída ao programa "DepoIntegra xoven" na comarca de Caldas

O mércores 21 de febreiro, ás 11 horas, o auditorio do Concello de Caldas de Reis acollerá unha xornada informativa do programa que oferta na comarca, o itinerario formativo de Actividades Auxiliares de Almacén


19 febreiro 2018
Depointegra Xoven

O vindeiro mércores 21 de febreiro, ás 11 horas, no auditorio do Concello de Caldas de Reis terá lugar a xornada informativa para dar a coñecer o programa "DepoIntegra xoven" da Deputación de Pontevedra, na que participará a deputada de Emprego, Montse Magallanes. A institución provincial destina a este proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de integrar no mercado de traballo á mocidade da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación. Deste xeito, preténdese a integración sustentable no mercado de traballo das persoas novas, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos e no contexto do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, así como das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social.

A xornada que terá lugar o vindeiro mércores en Caldas achegará información completa de "DepoIntegra xoven" ás veciñas e veciños de Caldas, Catoira, Valga, Cuntis, Moraña, Portas, Vilagarcía de Arousa, Campo Lameiro e Barro que así o desexen. Tamén se aproveitará para convencer as persoas interesadas de participar no mesmo, xa que a Deputación de Pontevedra abriu o prazo para que as mozas e mozos que desexen formarse a través de "DepoIntegra xoven" presenten a súa solicitude.

Máis polo miúdo, na xornada de Caldas falarase dos obxectivos do programa, das persoas destinatarias, da formación e itinerarios que se ofertan, que na comarca de Caldas será Actividades Auxiliares de Almacén nivel 1, con 210 horas, e que se estenderá durante 2,5 meses.

O proxecto "DepoIntegra xoven" ten por obxectivos integrar de xeito sustentable no mercado de traballo a 405 persoas de entre 16 e 30 anos da provincia que non participan nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Por este motivo, vanse realizar actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados que están dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas. Ademais, estas accións formativas tamén se van complementar con accións transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas tecnoloxías e a igualdade de oportunidades.

"DepoIntegra xoven" tamén ten por obxectivos favorecer a participación das mulleres, das persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social para garantir a non exclusión no programa por motivos sociais, formativos, por razóns de xénero ou lugar de residencia.

O programa impulsado pola Deputación de Pontevedra, ademais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de 27 itinerarios formativos, ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento. "DepoIntegra xoven" tamén ofrecerá ás persoas participantes orientación laboral e titorías individuais e grupais.

Os itinerarios formativos arrancarán o vindeiro mes de marzo e levaranse a cabo ao longo de todo o ano 2018 polas comarcas do Baixo Miño, Caldas, Deza, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo.