Noticias

A Deputación dá o "pistoletazo" de saída ao programa "DepoIntegra xove" na comarca de Vigo

Este martes ás 11 h a Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerá unha xornada informativa do programa que oferta ata doce itinerarios formativos na comarca


26 febreiro 2018
Depointegra Xoven

Este martes, 27 de febreiro, ás 11 horas na Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, terá lugar a xornada informativa para dar a coñecer o programa "DepoIntegra xove" da institución provincial. Esta administración destina a o proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de integrar no mercado de traballo á mocidade da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación. Deste xeito, preténdese a integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos no contexto do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, así como das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social.

A xornada achegará información completa de "DepoIntegra xove" ás veciñas e veciños da comarca de Vigo que así o desexen. Tamén se aproveitará para a captación das persoas interesadas en participar no mesmo xa que a Deputación abriu o prazo para que as mozas e mozos que desexen formarse a través de "DepoIntegra xove" presenten a súa solicitude.

Máis polo miúdo, na xornada de Vigo falarase dos obxectivos do programa, das persoas destinatarias do mesmo, das formacións e itinerarios que se ofertan, que na comarca de Caldas serán doce: "Servizos de bar e cafetería", de nivel 2, con 640 horas e que se estenderá durante 6,5 meses; "Actividades auxiliares de comercio", de nivel 1, con 270 horas e unha duración de 2,5 meses; "Actividades auxiliares de almacén", de nivel 1, con 210 horas e unha extensión de 2,5 meses;  "Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web", de nivel 3, con 590 horas e unha duración de 5,5 meses; "Sistemas de xestión de información", de nivel 3, con 590 horas e que se estenderá durante 5,5 meses; "Programación con linguaxes orientadas a obxectivos e bases de datos relacionais", de nivel 3, con 710 horas e unha duración de 7,5 meses; "Programación en linguaxes estruturadas de aplicación de xestión", de nivel 3, con 700 horas e unha extensión de 7 meses; "Operacións en sistemas de comunicación de voz e datos", de nivel 2, con 550 horas e unha duración de 5,5 meses; "Recepción en aloxamentos", de nivel 3, con 630 horas e unha extensión de 6,5 meses; "Actividades de venda", de nivel 2, con 590 horas e que se estenderá durante 5,5 meses; "Marketing e compravenda internacional", de nivel 3, con 750 horas e unha duración de 7,5 meses; e "Dinamización de actividades de tempo libre educativo e xuvenil", de nivel 2, con 310 horas e unha extensión de 3,5 meses.

O proxecto "DepoIntegra xove" ten por obxectivos integrar de xeito sustentable no mercado de traballo a 405 persoas de entre 16 e 30 anos da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Por este motivo, vanse realizar actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados que están dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas. Ademais, estas accións formativas tamén se van complementar con accións transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas tecnoloxías e a igualdade de oportunidades. Tamén ten por obxectivos favorecer a participación das mulleres, das persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social para garantir a non exclusión no programa por motivos sociais, formativos, por razóns de xénero ou lugar de residencia.

Ademais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de 27 itinerarios formativos, ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento. "DepoIntegra xove" tamén ofrecerá ás persoas participantes orientación laboral e titorías individuais e grupais.

Os itinerarios formativos arrancarán o vindeiro mes de marzo e levaranse a cabo ao longo de todo o ano 2018 polas comarcas do Baixo Miño, Caldas, Deza, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo.