Noticias

A Deputación dá o "pistoletazo" de saída ao programa "DepoIntegra xove" na comarca de Deza

O martes 20 de febreiro, ás 11 horas, o Espazo Xove de Lalín acollerá unha xornada informativa do programa que oferta, na comarca de Deza, os itinerarios formativos de "Actividades auxiliares de comercio", "Actividades auxiliares de almacén" e "Actividades de venda"


18 febreiro 2018
Depointegra Xoven

O vindeiro martes 20 de febreiro, ás 11 horas no Espazo Xove de Lalín, terá lugar a xornada informativa para dar a coñecer o programa "DepoIntegra xove" da Deputación de Pontevedra, na que participará a deputada de Emprego, Montse Magallanes. A institución provincial destina a este proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de integrar no mercado de traballo á mocidade da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación. Deste xeito, preténdese a integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos no contexto do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, así como das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social.

A xornada que terá lugar o vindeiro martes en Lalín achegará información completa de "DepoIntegra xove" ás veciñas e veciños de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro, Dozón, A Estrada e Forcarei que así o desexen. Tamén se aproveitará para a captación das persoas interesadas en participar no mesmo xa que a Deputación de Pontevedra abriu xa o prazo para que as mozas e mozos que desexen formarse a través de "DepoIntegra xove" presenten a súa solicitude.

Máis polo miúdo, na xornada de Lalín falarase dos obxectivos do programa, das persoas destinatarias do mesmo, das formacións e itinerarios que se ofertan, que na comarca do Deza serán tres, así como da duración e lugares onde se impartirán. En concreto, no Deza impartirase o itinerario formativo de "Actividades auxiliares de comercio", de nivel 1, con 270 horas e unha duración de 2,5 meses, así como outro de "Actividades auxiliares de almacén", de nivel 1, con 210 horas e que se estenderá durante 2,5 meses. Xunto con estes itinerarios de nivel 1, tamén se impartirá o de "Actividades de venda", de nivel 2, con 590 horas de duración e que se prolongará durante 5,5 meses.

O proxecto "DepoIntegra xove" ten por obxectivos integrar de xeito sustentable no mercado de traballo a 405 persoas de entre 16 e 30 anos da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Por este motivo, vanse realizar actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados que están dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas. Ademais, estas accións formativas tamén se van complementar con accións transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas tecnoloxías e a igualdade de oportunidades.

"DepoIntegra xove" tamén ten por obxectivos favorecer a participación das mulleres, das persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social para garantir a non exclusión no programa por motivos sociais, formativos, por razóns de xénero ou lugar de residencia.

O programa impulsado pola Deputación de Pontevedra, ademais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de 27 itinerarios formativos, ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento. "DepoIntegra xove" tamén ofrecerá ás persoas participantes orientación laboral e titorías individuais e grupais.

Os itinerarios formativos arrancarán o vindeiro mes de marzo e levaranse a cabo ao longo de todo o ano 2018 polas comarcas do Baixo Miño, Caldas, Deza, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo.