A Deputación dá un novo paso na mellora da seguridade viaria peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros

As obras do primeiro tramo, que saíran xa a licitación, serán financiadas de xeito íntegro pola institución provincial, que aportará case medio millón de euros para facer realidade unha demanda histórica da veciñanza

24/09/2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra volve a poñer o foco nas e nos peóns que transitan polas estradas provinciais coa aprobación do expediente de contratación das obras de mellora da seguridade viaria e peonil en 580 metros do primeiro tramo da EP-2601 Mos-Puxeiros. As actuacións, que sairán agora a licitación, teñen un custo de 446.545 euros financiadas nun 70% pola Deputación e nun 30% por Mos a través do Plan Concellos, polo que a institución provincial se fai cargo da totalidade do orzamento. Con elas séguese o modelo de mobilidade amable, sostible e segura promovido pola Deputación.

Este primeiro tramo discorre pola parroquia de Santa Eulalia e coincide coa afección do Camiño de Santiago polo que a zona ten unha forte presión peonil que fai necesaria a actuación e que se ve incrementada co acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil, á igrexa de Santa Eulalia, á entrada ao albergue para as persoas que peregrinan e ao aparcamento e parque do Pazo de Mos. Por este motivo, as obras reforzarán a prioridade de paso para as e os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo, desde a intersección do Camiño de Santiago e na maior parte da estrada.

A sección da calzada estará constituída por dous carrís -un por sentido- cun ancho mínimo de 3 metros e beiravía na marxe esquerda, e as obras contemplan tamén a ordenación dos espazos e a renovación do pavimento. A circulación rodada suavizarase coa colocación tres pasos de peóns sobreelevados. A mellora completarase coa instalación de mobiliario como bancos e varanda, así como coa renovación da iluminación mediante o soterrado da liña e da instalación de novos puntos de luz con lámpadas LED -máis respectuosas co medio ambiente- para mellorar a eficiencia enerxética. Ademais, renovarase a recollida de pluviais.

Estas obras completaranse coa execución de actuacións noutros tres tramos nas parroquias de Dornelas, Torroso e Tameiga que xunto cos traballos realizados en Santa Eulalia suman 5.665 metros de estrada provincial nos que a Deputación transformará o espazo devolvéndolle a prioridade ás e aos peóns.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.