A Deputación dá voz ás mulleres no acto central do 8M cunha acción coral “e creando redes”

As mulleres da institución provincial leron o manifesto do Día da Muller no vestíbulo do Pazo Provincial, escenario tamén da acción da trapecista Sue Moreno que puxo o aceno na esixencia da corresponsabilidade 

08/03/2022

8M na Deputación de Pontevedra  

Cunha acción central colectiva, coral, colaborativa e “creando redes”, onde as grandes protagonistas foron as traballadoras da Deputación, e que se completou coa performance da trapecista Sue Moreno, poñendo o aceno na reivindicación da corresponsabilidade nos coidados, a Deputación celebrou hoxe o 8M na cidade de Pontevedra. O vestíbulo e a escalinata interior do Pazo mudaron nesta xornada á cor lila e, decorados coas potentes imaxes de mulleres da campaña deste ano, “Feminismo é conseguir a axenda da paridade”, e convertéronse no escenario desde o que a Deputación lanzou a súa emotiva e contundente mensaxe. Dunha banda, coa lectura do manifesto institucional da xornada, a cargo de traballadoras de distintos servizos da entidade e, por outra, coa peza “4.0” da artista, que amosou as acrobacias que as mulleres teñen que realizar para asumir a pesada carga de tarefas que a sociedade lles asigna. Amais da presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o acto contou coa asistencia de deputados e deputadas, representantes municipais de distintos concellos, así como de colectivos de mulleres, culturais e veciñais.

“Ogallá este 8 de marzo sexamos máis conscientes ca nunca de que o momento para mudar as cousas é agora. Feminismo ou barbarie”. Deste xeito conclúe o manifesto do 8M da Deputación, elaborado pola politóloga Priscila Retamozo, e cuxo eixo é a esixencia da paridade como dereito fundamental e como “necesidade urxente para asegurar a eficiencia e a credibilidade do noso sistema democrático”. Amais da autora, no transcurso do acto deron lectura a esta declaración sete traballadoras dos servizos de Cooperación, Comunicación, Conserxería, Contratación, Novas Tecnoloxías, Medio Natural e Promoción de Emprego da institución. “Este ten que ser o ano –sinalaron- no que cumpramos coa axenda da paridade e no que finalmente nos vexamos onde nos corresponde como cidadás, en equidade en absolutamente todos os ámbitos”.   

Logo de rexeitar a infrarrepresentación das mulleres que segue a existir en todos os eidos, o manifesto elaborado por Retamozo incidiu tamén en que “a paridade ten que vir da man dunha revolución dos coidados, da corresponsabilidade como norma e non como honrosa excepción” e propuxo como resposta “a coeducación”. Tampouco esqueceu ás mulleres en situación de prostitución “que habitan campos de concentración nas nosas vilas e cidades” e demandou unha “aposta valente, unha resposta contundente” ante esta situación, xa que “é unha cuestión de dereitos humanos que temos que resolver o máis cedo posible. Xa chegamos tarde para moitas”.

Trala lectura da declaración, a reivindicación chegou da man da arte. Coa peza “4.0”, Sue Moreno quixo poñer o foco, como explicou,  en “todos os problemas que temos as mulleres coa conciliación e a maternidade”. Acrobacias, teatro, danza e canción en directo serviron neste espectáculo para amosar cunha mirada feminista e divertida, o difícil xogo de equilibrio que para as mulleres supón asumir todas estas cargas cando aínda quedan lonxe a corresponsabilidade e a paridade nos coidados das crianzas. “Onde están os homes desta casa?”, chega a preguntarse. Así,  o público puido ver a través da protagonista da historia moitos dos momentos que vive unha nai nesa situación: apenas durme polas tomas do seu bebé e nada máis levantarse ten que facer fronte a unha axenda repleta de actividades. Desbordada, está a piques de renderse e abandonar, pero a voz das súas fillas e as súas risas danlle as forzas necesarias para seguir adiante. “Vivo nun país onde a conciliación é incoherente”, subliñou na canción de despedida da acción, “A miña maneira”. “Queremos -rematou a artista- ser libres, queremos vivir sen medo, sen violencias e sen renuncias”.

Durante o acto celebrado no Pazo Provincial, no que houbo unha lembranza especial para “a tremenda situación que están a vivir as mulleres de Ucraína, a Deputación repartiu entre o público asistente as bolsas de tea decoradas polas creadoras Andrea López, Eva Fandiño e Nuria Díaz, un proxecto artístico que forma parte do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, de xeito que os tres deseños repartiranse ao longo do ano nas distintas accións artísticas que se levarán a cabo nos concellos da provincia. Tamén se distribuíron camisetas coa creatividade do 8M deste ano, así como o manifesto institucional.

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.