Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba 8 bolsas de mobilidade para estudantes da provincia no marco do proxecto "Erasmus + Practicum Depo"

As 8 mozas e mozos, que partirán en outubro a Italia, Portugal, Malta e Eslovenia proceden de centros educativos dos concellos de Vigo, Tui, Caldas de Reis, As Neves, Moaña e A Estrada


08 outubro 2018
Erasmus Practicum Depo

O Goberno de Carmela Silva aprobou a adxudicación de oito bolsas de mobilidade no marco do proxecto da Deputación de Pontevedra "Erasmus + Practicum Depo" 2018. En concreto serán oito as mozas e mozos de centros educativos dos concellos de Vigo, Tui, Caldas de Reis, As Neves, Moaña e A Estrada, que participarán na primeira mobilidade do proxecto con destino a Italia, Portugal, Malta e Eslovenia.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que as alumnas e alumnos que partirán en outubro proceden dos centros educativos CPR Plurilingüe Vigo, IES Indalecio Pérez Tizón, CPR Plurilingüe San Fermín, IES Pazó da Mercé, IES Plurilingüe A Paralaia e IES Antón Losada Diéguez. O seu regreso está previsto para o mes de marzo, xa que a duración máxima das prácticas é de 162 días, máis ou menos cinco meses.

O grupo de mozas e mozos de Vigo, Tui, Caldas de Reis, As Neves, Moaña e A Estrada forman parte da primeira mobilidade do proxecto "Erasmus + Practicum Depo" 2018 que comezou en xuño de 2018 e rematará a finais de maio de 2020. En total, a institución provincial destina a esta primeira mobilidade máis de 65.000 euros para cubrir os gastos de desprazamento e estancia.

O proxecto "Erasmus + Practicum Depo" 2018, que conta cun orzamento de 821.633,40 euros, ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe. A través do programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas de Formación Profesional de ciclos medios pertencentes a distintas familias profesionais, a Deputación de Pontevedra colabora na súa integración no mundo laboral, a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras.

Desde que a institución provincial puxo en marcha "Practicum Depo" investíronse e estanse a investir máis de 3,5 millóns de euros no impulso da mobilidade de case 450 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que realizan as súas prácticas profesionais no estranxeiro ou viaxan para coñecer como se imparte a docencia destes niveis educativos noutros países da Unión Europea.