Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba novos investimentos para os concellos da provincia por valor de 1,6 millóns de euros

O Goberno provincial deu luz verde a achegas para nove concellos coas que poderán levar a cabo novas contratacións de persoal, xestión de residuos ou pavimentacións


19 febreiro 2021
Rolda de prensa 19/02/2021

A Deputación de Pontevedra continúa apostando polo respecto á autonomía local aprobando en Xunta de Goberno novas achegas no marco do Plan Concellos por valor de 1,6 millóns de euros. En concreto, beneficiaranse destas achegas os concellos da Guarda, Cangas, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas, Portas, Sanxenxo, Silleda e Tui.

Ao abeiro da liña 3 de creación de emprego aprobáronse novos investimentos por 1,3 millóns de euros para que seis novos concellos –A Guarda, Mos, Ponteareas, Sanxenxo, Silleda e Tui– contraten a 124 persoas. A presidenta provincial, Carmela Silva, fixo balance e lembrou que con estas novas achegas "xa son 40 os concellos que teñen aprobada esta liña" grazas á que "606 persoas van a ser contratadas cuns recursos que ascenden a 6,4 millóns de euros".

Ponteareas e Sanxenxo so os concellos desta terceira relación da liña 3 que, pola súa poboación, máis persoal poderán contratar. O primeiro deles recibirá 316.947,28 euros para contratar a 32 persoas traballadoras mentres que Sanxenxo contará con 260.088,82 euros cos que dará traballo a 39 persoas. Pola súa banda, A Guarda contratará a 13 persoas cunha subvención de 152.227,90 euros e Mos fará o mesmo con outros 16 traballadoras e traballadores grazas a unha achega de 177.486,72 euros. Ademais, Silleda contratará a 9 persoas cunha achega provincial de 135.170 euros e Tui dará traballo a 15 persoas con 231.223,64 euros do Plan Concellos.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a segunda relación de achegas da liña 2 do plan coa que se levarán a cabo "servizos fundamentais que son competencia dos concellos e que financia a Deputación e Pontevedra", destacou Silva. Neste senso recibirán axudas os concellos de Mondariz-Balneario, Mos, Portas e Silleda. Con elas Mondariz-Balneario financiará un plan de xestión de arborado, a redacción dun estudo para a Ruta da Camelia e a reposición de árbores en beirarrúas. O concello de Mos empregará esta subvención nun servizo público de recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos e limpeza viaria. No que respecta a Portas usará as achegas para amortizar a súa débeda e Silleda vai empregalas nun servizo público de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos.

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou unha achega para Cangas, cun orzamento de 92.000 euros, cos que o concello da comarca do Morrazo realizará obras de pavimentación.