A Deputación celebrará o Día europeo da Música con rock para todos os públicos en Pontevedra e Vigo

O exterior do Pazo Provincial acollerá a actuación de Gramola Gominola, mentres que Broken Peach ofrecerá un recital no exterior da Sede da Deputación en Vigo

16/06/2022

Como cada 21 de xuño, a Deputación de Pontevedra vai festexar por todo o alto  o Día Europeo da Música, neste caso cunha dobre proposta de “Desafío a rock!” en Pontevedra e Vigo. Deste xeito, o vindeiro martes na explanada xunto ao Pazo Provincial acollerá a actuación de Gramola Gominola (17.30h), enfocada ao público infantil, mentres que o exterior da Sede de Vigo, na rúa Eduardo Chao, será escenario do concerto de Broken Peach (ás 20.30h), para todos os públicos.  Será, como dixo hoxe a presidenta Carmela Silva, unha xornada para encher o espazo público “de música e alegría de celebrar a música e a vida” e aínda que os actos serán no exterior, as persoas que desexen asistir deben confirmar asistencia no correo participa.cultura@depo.gal.

O concerto que terá lugar en Pontevedra leva por título “As que máis molan da Gramola”, no que Gramola Gominola ofrecerá unha selección das súas mellores cancións para bailar, rir co seu humor e corear os seus retrousos máis coñecidos. Nacida en 2015, esta banda de auténtico rock&roll en galego está formada por Paco Cerdeira (Pakolas, Zënzar), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz  (S4N7, Nebra, Wealman).

Na sede provincial en Vigo, ás 20.30 h, a banda, Broken Peach, de gospel, soul e rock & roll volverá a fusionar música e espectáculo personalizando cada un dos temas que interpretan. O grupo vigués, cunha estética singular que dá frescura visual á súa posta en escena, formouse en 2009 e teñen tocado por todo o territorio estatal.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.