Noticias

A Deputación de Pontevedra organizará en Barcelona un workshop encamiñado a abrir novas vías de negocio para o sector turístico da provincia

O evento, que terá lugar o 27 de novembro e forma parte das liñas do Plan estratéxico de turismo, conta xa coa participación de 25 empresas da provincia


16 novembro 2018
A Deputación de Pontevedra celebrará en Barcelona un workshop encamiñado a abrir novas vías de negocio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe a realización dun workshop entre empresas do sector turístico da provincia de Pontevedra e firmas catalás que terá lugar o próximo día 27 en Barcelona. Esta iniciativa forma parte das liñas do Plan estratéxico de turismo 2017-2020 que busca cumprir co obxectivo dunha "xestión intelixente do destino, compartida entre os axentes con competencias turísticas no terreo", tal e como explicou a presidenta durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Trátase da primeira edición dun evento que reunirá no Hotel Gran Marina de Barcelona a 25 empresas do sector turístico de Pontevedra cunha delegación empresarial de Cataluña. Durante a xornada, que dará comezo ás 19 horas, terán lugar reunións dinámicas coa vista posta en abrir novas vías de negocio e xerar novas oportunidades para o sector turístico da provincia. "De feito xa temos pechadas 85 citas con empresas catalás para establecer esas vías de colaboración coa nosa delegación", anunciou Silva.

"Desde a Deputación estamos a lanzar novidosas iniciativas encamiñadas a converter esta provincia nun destino turístico mellor e máis competitivo", quixo recordar a presidenta provincial. "Hoxe queremos presentar esta actividade, que xurdiu como demanda do propio sector turístico durante unha mesa de traballo. Nós cremos que era unha boa idea, e as boas ideas facémolas nosas", explicou.

Entre as empresas da provincia que participan podemos atopar hoteis, bodegas, casas de turismo rural, axencias de viaxe, empresas de produtos turísticos e servizos auxiliares e emprendedores. A cota de inscricións para participar neste acto, no que tamén colabora o Clúster de Turismo de Galicia, tivo que pecharse aos tres días da súa apertura pola alta demanda por parte do sector turístico pontevedrés.

O Plan estratéxico de turismo 2017-2020, dotado cun orzamento de 12 millóns de euros, ten entre os seus obxectivos, ademais dos mencionados con anterioridade, posicionar o destino Rías Baixas, a través da definición duns valores de marca do destino turístico e coa proposta de plans de comunicación e promoción axeitados e adaptados a novos fluxos de mercados, tanto nacionais como internacionais. Asemade, a Deputación tamén busca a través das 40 accións diferenciadas ofertar un destino multiexperiencial a través da implantación dunha carteira de produtos turísticos que poñan en valor a riqueza do territorio e que se dirixan cara públicos específicos de demanda con capacidade de desestacionalización.

Fotos