Noticias

A Deputación de Pontevedra continúa na praza de abastos de Bueu a andaina do programa "Degusta Europa"

Mexillón ao azafrán, ensalada con peixe escabechado, tarta de queixo galego con marmelada de mazá os cócteles Crimean e Durazno, foi o menú proposto en Bueu. O deputado Javier Dios e o alcalde da vila, Félix Juncal, degustaron as elaboracións realizadas polo Carlos Oroza


04 abril 2019
Degusta Europa

A praza de abastos de Bueu acolleu hoxe a segunda parada da cuarta edición do programa "Degusta Europa" que a Deputación de Pontevedra está a organizar estas semanas para impulsar a vangarda e innovación gastronómica da provincia e a excelencia dos produtos que se atopan nos mercados locais. Este ano, a iniciativa está baseada ademais na campaña de promoción turística da provincia de Pontevedra "Fame de Experiencias?" na que a enogastronomía é o eixe central.

A través de "Degusta Europa" a institución provincial ten como obxectivos poñer en valor os mercados e produtos gastronómicos das Rías Baixas, así como a formación que están a impartir centros de Formación Profesional especializados na enogastronomía como o Carlos Oroza de Pontevedra e o Manuel Antonio de Vigo. Do mesmo xeito, "Degusta Europa", tamén pretende converter á gastronomía nun elemento de relación entre os países europeos.

No caso de Bueu, o CIPF Carlos Oroza foi o encargado das elaboracións gastronómicas na praza de abastos. Así, o alumnado mercou na praza os produtos necesarios para preparar o menú, que prepararon in situ a modo de show cooking no mercado. En concreto, os produtos que elaborou o centro Carlos Oroza foron mexillón ao azafrán, ensalada con peixe escabechado, tarta de queixo galego con marmelada de mazá e, para beber, o cóctel Crimean e o Durazno.

A seguinte parada de "Degusta Europa" terá lugar mañá, en Pontevedra, e tamén a cargo do alumnado do CIPF Carlos Oroza. A próxima semana será o centro Manuel Antonio quen lle tome o relevo para a preparación das degustacións gastronómicas que terán lugar o mércores, na praza de abastos de Baiona, o xoves na praza de abasto da Guarda e o venres no mercado do Progreso de Vigo.

Fotos