Noticias

A Deputación de Pontevedra convértese na primeira administración galega en deseñar a súa programación cultural anual para darlle cumprimento aos ODS

Carmela Silva presentou en Culturgal as novidades do vindeiro ano e adiantou a creación dunha "Escola de Letras" para "promover o pensamento crítico, xente máis libre e mentes con capacidade para construír historias e poder contalas"


01 decembro 2019
Programación cultural 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá no seo de Culturgal a campaña "Voando pola túa cultura", que recolle baixo o seu paraugas as accións culturais que vai promover a institución provincial ao longo do 2020. A principal novidade desta campaña é vertebrar a cultura como ferramenta para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODS) pola súa capacidade transformadora e para construír un mundo máis humano. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra é a primeira administración de toda a comunidade autónoma que deseñou a súa programación anual cun compromiso firme co cumprimento dos ODS.

Unha das grandes novidades para o 2020, tal e como adiantou a presidenta provincial, será a posta en marcha da "Escola de Letras" para "crear pensamento crítico, xente máis libre e mentes con capacidade para construír historias e poder contalas". Esta nova escola vai dirixida a novas escritoras e escritores, impulsando a formación para o uso correcto da lingua e a redacción a través de actividades formativas.

Tamén se vai apostar por converter a provincia de Pontevedra nun estudio de cinema fomentando a realización de producións cinematográficas no territorio, o que contribuirá a poñer en relevo a paisaxe natural e urbanística, así como o patrimonio tanxible e intanxible. Ao longo do 2020 traballarase en promover a produción cinematográfica das empresas audiovisuais que lle dediquen unha especial atención á programación do cinema galego e á difusión de espazos escénicos da provincia de Pontevedra. A terceira gran novidade da programación cultural da Deputación é a aposta pola internacionalización das e dos artistas da provincia promovendo a súa participación en festivais, certames, encontros, intercambios culturais e concursos de ámbito internacional para potenciar o patrimonio musical da provincia.

Ademais, a sustentabilidade, a accesibilidade, a inclusión, a igualdade e a sinerxía serán protagonistas da programación cultural da Deputación pontevedresa para o 2020, en liña cos ODS. Así, as accións do Goberno de Carmela Silva irán encamiñadas a que a pobreza económica non xere pobreza cultural, en liña co ODS 1 (fin da pobreza), democratizando o acceso á cultura, facendo "que chegue a todos os lugares", apoiando economicamente a actividade cultural e convertendo o patrimonio inmaterial e material en fonte de desenvolvemento económico. Nesta liña enmárcanse programas coma "Musigal" e "Pontegal", así como o apoio aos festivais musicais e audiovisuais, ao teatro e ás artes escénicas.

As accións culturais da Deputación de Pontevedra serán sostibles co medio ambiente, ben por racionalizar o consumo enerxético ou por realizarse ao aire libre, impulsando as enerxías limpas ou fomentando o uso de materiais reciclados ou reciclables. Ademais, tecerán redes coa sociedade, impulsando iniciativas inclusivas e apostando polo espazo público como escenario cultural e de participación. A igualdade será un elemento fundamental, impulsando unha liña cultural "con mirada lila e con voz de muller" da man da Escola de Igualdade María Vinyals, dos programas "Mulleres en acción. Violencia zero" e "Conectadas", de "Ramonas on tour", de "Rompe. Xoga en igualdade" e dos premios Sofía Novoa Ortiz para traballos de fin de grao e fin de máster. "As mulleres en Galicia están facendo a nova revolución cultural no noso pobo e por iso queremos visibilizar as mulleres, que estean no centro das nosas accións culturais", asegurou Carmela Silva.

E, xunto coas mulleres, a nova programación cultural tamén terá en conta a mocidade. "Temos xente nova moi potente, con moitas ganas de facer cousas e con moito compromiso, e imos traballar para facer que estas persoas teñan unha maior participación na vida cultural. Imos escoitar moito a mocidade para promover actuacións que demandan e convertelas e convertelos en donas e donos da súa propia actividade". Outra das novidades serán as exposicións e obradoiros itinerantes organizados por todos os concellos da provincia e nos que as tradicións e os oficios artesanais, as formas de produción dos recursos, a igualdade e a sustentabilidade serán tamén protagonistas das accións culturais: a cestería, a historia das conserveiras e o traballo en lata, a vida en torno aos pazos, as lembranzas dos primeiros cines, o curro de Sabucedo, os Xerais de Deza, o Carnaval de Vilaboa, a muller e a sustentabilidade do mar, as mulleres na historia, a loita pola igualdade, a promoción das embarcacións tradicionais, o proxecto "Sorrisos Transformadores"... Tamén se van impulsar obradoiros e actividades paralelas coma "Máis alá do whatsapp hai outros mundos. Faite influencer!" e diversas rutas: literarias, sobre o Barroco, das camelias, de marisqueo, das maceiras en flor, ornitolóxicas, "Depo andainas" etc.

Carmela Silva tamén fixo expresa referencia á lingua. "Somos un pobo creativo e talentoso, con grandes tradicións, e cunha lingua propia que nos dá identidade". Ademais vanse continuar impulsando as áreas museísticas do Museo de Soutomaior e do castelo de Sobroso, que formará parte da Rede de Museos da Deputación de Pontevedra xunto co Museo Provincial, o Pazo de Liñares e CastroDeza. O mesmo acontecerá coa área de publicacións e a de mocidade, que oferta tamén unha ampla programación cultural a través dos Premios da Xuventude, Novos Valores, Escolas de Música, DepoRúARTE e un ciclo de contacontos para nenas e nenos centrado na inclusión como eixe de traballo para abordar temas coma a xestión das emocións, o acoso escolar, a diabetes, a igualdade de xénero, a diversidade afectivo-sexual ou a integración de persoas xordas.

Fotos