Noticias

A Deputación de Pontevedra dá luz verde ao programa "Depo Aventura 2020" no que participarán 2.200 nenas e nenos da provincia

Un ano máis haberá prazas gratuítas para nenas e nenos de familias máis desfavorecidas e por primeira vez terán descontos as familias monoparentais


14 febreiro 2020
Depo Aventura

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno as bases reguladoras do programa "Depo Aventura 2020", que este ano conta cun orzamento consignado para gastos directos de 317.836,06 euros. A iniciativa consiste no desenvolvemento de campamentos de verán no Centro de Vacacións A Lanzada, nos que a rapazada de entre 8 e 13 anos participa en actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas co obxecto de contribuír ao seu enriquecemento persoal e de facilitarlles coñecer outros lugares e accións fóra da súa contorna habitual.

Tal e como informou a presidenta, os campamentos vanse desenvolver nos meses de verán, entre o 21 de xuño e o 5 de setembro, en 11 quendas de 7 días de duración cada unha e cun máximo de 200 participantes. Deste xeito, o programa oferta un total de 2.200 prazas, das cales 1.900 son para o procedemento xeral e 300 para menores en situación ou risco de exclusión social, estas últimas serán totalmente gratuítas xa que están financiadas ao cen por cen pola Deputación de Pontevedra. No caso das prazas por procedemento xeral, a institución provincial asume o 50% do custo, quedando un importe de 100 euros por persoa. Ademais, como novidade, nesta edición incorpórase a posibilidade de que as e os menores de familias monoparentais se beneficien, do mesmo xeito que as familias numerosas, dun desconto do 20% sobre o prezo da praza. É dicir, o prezo da súa praza sería de 80 euros.

Máis polo miúdo, durante unha semana as crianzas teñen á súa disposición actividades de convivencia, náuticas, medioambientais e ata algunhas de lingua inglesa. A maiores, a Deputación vai espallar os principios de igualdade, dándolle visibilidade ás mulleres dos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, co obxectivo de poñer en valor o papel daquelas que lograron fitos importantes nestes campos, e tamén se porá especial atención no uso da linguaxe, actitudes ou musicas non sexistas nin discriminatorias. O prazo de presentación das solicitudes para participar en "Depo Aventura 2020" será de 15 días hábiles e comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOPPO.

Actuacións para a posta en marcha dos campamentos

A presidenta da Deputación aproveitou para recordar que "están traballando para que todo estea en perfecto estado para acoller á rapazada da provincia". Así, agora mesmo está en contratación un contrato para obras de melloras do espazo do campamento que, cun importe de 82.000 euros, vai supoñer a mellora da limpeza, conservación e impermeabilización dos depósitos de auga, a instalación dun novo equipo de mantemento de auga, reparacións no centro de transformación e vestiarios, así como as diversas actuacións necesarias. Ademais, continuou Carmela Silva, "tamén estamos xa a piques de rematar a obra no túnel da Lanzada na estrada PO317, que une o campamento coa praia, e que precisaba dunha actuación para dotalo de maior seguridade".

Audios

  • Audio