Noticias

A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída á nova aplicación do programa SmartPeme

Carmela Silva: "Este programa vai medrando e incorporando aquelas demandas que están na sociedade, novas propostas máis eficaces, máis eficientes e máis personalizadas que nos permiten chegar a máis xente"


03 outubro 2019
App Smartpeme

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial, Carlos Font, presentou esta mañá a nova aplicación do programa SmartPeme para a adaptación ás necesidades e cambios de consumo das persoas usuarias da rede. "SmartPeme vai medrando e vai incorporando aquelas demandas que están na sociedade, novas propostas máis eficaces, máis eficientes e máis personalizadas que nos permiten chegar a máis xente", destacou a presidenta.

Carmela Silva continuou facendo fincapé en que "a creación desta aplicación móbil é moi necesaria xa que as apps teñen unha gran presenza e cada día terán máis, converténdose nun instrumento moi relevante tanto na acción económica como na social, así como na creación de novos produtos". Neste eido, a presidenta amosou datos e explicou que o móbil é o primeiro dispositivo de navegación en España, "o 97 % das persoas conéctanse a Internet a través do seu smartphone" e, de feito, o 32 % das persoas españolas emprégano como dispositivo único. Ademais, do total de minutos que pasamos en Internet "máis do 66 % dedicámolo ao emprego de apps, descargando unha media de 4 millóns de aplicacións diarias". Por último, Silva enxalzou que o 32 % das persoas destinan máis de 20 horas semanais ao emprego de aplicacións móbiles. "Tras analizar todos estes datos consideramos que era adecuado crear unha aplicación deste programa xa que ofrece unha maior capacidade e rendemento", recalcou a presidenta.

A nova aplicación impulsará a difusión do servizo na provincia e facilitará a interacción entre usuarias/os. Tamén dará a coñecer o programa a posibles novas persoas, fidelizará ás que xa reciben asesoramento e atenderá de maneira máis áxil e eficiente as peticións e suxestións. Ademais, permitirá conectarse con SmartPeme desde calquera lugar.

A aplicación estará dispoñible a partir do martes 8 de outubro para Android e IOS, en galego e castelán, e permitirá a solicitude de xestión de citas, a consulta de información, inscrición a actividades de capacitación e obradoiros mensuais, recibir notificacións que se poderán filtrar en función dos intereses propios e tamén presentará as novas publicadas na web e toda a información sobre axudas e subvencións.

Na presentación da nova aplicación, tamén estiveron presentes Olalla e Fernando Troncoso, as persoas propietarias do albergue O Peirao da Guarda, que agradeceron a oportunidade por ter participado na segunda edición da Aceleradora TurisTic. Deste xeito, Olalla Troncoso contou a súa experiencia e explicou que "a través deste proxecto participamos aquí en bastantes formacións e recibimos asesoramento de marketing dixital, plan de negocio e de empresa, de deseño, xestión...". Ademais, Troncoso tamén indicou que "descubrimos un servizo que non finaliza co remate da aceleradora, porque agora sei que podo contar co apoio da Administración e coa axuda da súa xente".

A través de SmartPeme, a Deputación pon en marcha itinerarios de obradoiros temáticos; eventos de networking trimestrais con profesionais de prestixio; promove alianzas institucionais; achega kits de asesoramento en novas tecnoloxías; identifica as necesidades aos provedores e solucións para pemes e, tamén, impulsa novas carteiras de servizos de asesoramento. O programa conta con sedes en Cambados, Pontevedra, Barro, Vigo, Lalín (A Estrada), O Porriño e Ponteareas desde as que se presta servizo a toda a provincia.

O programa desenvólvese en catro grandes liñas: asesoramento TIC; o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), no viveiro de empresas de Barro; "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC". SmartPeme realizou máis de 2.000 asesoramentos entre outubro de 2018 e setembro de 2019, contou con máis de 2.300 persoas asistentes aos diferentes eventos organizados e ten xa preto de 5.000 persoas subscritas á newsletter informativa.