Noticias

A Deputación de Pontevedra desenvolve seis novos obradoiros FabLab no coworking de Barro

As accións formativas, que impartirá o docente Fernando Coladas, abordarán o deseño en 3D e a Domótica e Robótica


15 outubro 2019
Coworking Barro

A Deputación de Pontevedra desenvolverá ata o mes de novembro as seis accións formativas da cuarta edición dos obradoiros FabLab, o laboratorio de fabricación dixital que a institución provincial impulsa no espazo de coworking do polígono de Barro. A inscrición para estes obradoiros está aberta ata o momento do inicio de cada curso.

Esta semana desenvólvense os obradoiros Deseño 3D con Ferramentas Libres e Impresión 3D I, que terá lugar este martes 15 de outubro, e Deseño 3D con Ferramentas Libres e Impresión 3D II, o mércores 16 de outubro. O día 29 de outubro terá lugar o curso Deseño 3D con Ferramentas Libres e Impresión 3D III, co mesmo horario e, o día 30 de outubro, desenvolverase Domótica e Robótica I.

No mes de novembro, as accións serán Domótica e Robótica II, o día 12, e Domótica e Robótica III, o día 13. En todos os casos, os cursos estarán impartidos por Fernando Coladas Rodríguez e desenvolveranse en horario de tarde, de 16.30 a 19.30 horas.

Todos os obradoiros teñen capacidade para un máximo de quince persoas, xa que son os espazos de traballo dispoñibles. O acceso é libre e soamente se require inscrición previa a través da páxina web da Deputación, a través do enlace https://www.depo.gal/coworking-en-pontevedra/obradoiros-fab-lab-4-edicion, ou nos correos electrónicos cwpontevedra@eoi.es. e cooperación@depo.es.

O espazo Depo FabLab busca converterse nun punto de referencia na provincia de Pontevedra para as persoas emprendedoras, buscando atraer proxectos de corte innovador e tecnolóxico. É un espazo no que se favorece a aprendizaxe teórica e práctica sobre as últimas ferramentas tecnolóxicas en canto a dixitalización, impresión ou robótica. Para dar cabida ás últimas tecnoloxías, o FabLab conta con impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con gran capacidade de procesamento e almacenamento. Ademais, para poder levar a cabo labores experimentais no eido da electrónica e programación, dispón tamén dun gran número de circuítos integrados (Shield) que permiten conectividade wi-fi, Bluetooth, GPS, 3G, NFIC e de sensores de son, temperatura, cor, distancia, presión e humidade.