Noticias

A Deputación de Pontevedra destina este ano 450.000 euros a confrarías, colectivos de mariscadoras e cooperativas agrogandeiras

Carmela Silva recalcou que "con estas dúas liñas de subvencións, a Deputación aposta por un sector primario que ten un gran peso nesta provincia"


21 febreiro 2020
Subvencións a confrarías, colectivos de mariscadoras e cooperativas agrogandeiras

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno as bases reguladoras de dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario para este ano 2020, por un total de 450.000 euros. Por unha banda, cun orzamento de 250.000 euros, axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores, á federación de confrarías e ás agrupacións de mariscadoras da provincia; e, pola outra, cun crédito total de 200.000 euros, subvencións dirixidas ás cooperativas agrogandeiras.

Tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, "con estas achegas, a Deputación aposta pola economía, por un sector primario que ten un gran peso nesta provincia". Así, estas dúas liñas de subvencións encaixan coa aposta da institución provincial polo rural e pola súa economía, dando resposta a unha urxencia social como é o despoboamento.

En concreto, no caso das confrarías, o importe das axudas van dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 30.000 euros. Deste xeito, con estas achegas o que se pretende é axudar a levar a cabo todas aquelas accións que sirvan para apoiar ás confrarías, á federación e as agrupacións de mariscadoras da provincia en proxectos e actuacións que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e da federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e o aforro enerxético, así como material para a vixilancia das producións e investimentos para mellorar os servizos prestados.

Xunta de Goberno

No que respecta ás cooperativas agrogandeiras, as subvencións irán dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 35.000 euros. Así, serán susceptibles de axuda as accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización, transformación e valorización das producións; a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovábeis e aforro enerxético; así como aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa.

O prazo de presentación de solicitudes para ambas subvencións será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOPPO e deberá facerse a través da sede electrónica da Deputación.