Noticias

A Deputación de Pontevedra destina unha nova achega de preto de 30.000 euros a Pontecesures

Con este investimento, o Goberno de Carmela Silva vai financiar a mellora da mobilidade e da seguranza viaria nas rúas do Castro e Infesta


12 febreiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación, mediante unha Resolución presidencial, dun novo investimento para o Concello de Pontecesures por un valor total de 26.831,71 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Trátase, nesta quenda, dunha axuda para financiar a mobilidade e a seguranza viaria nas rúas do Castro e Infesta. Este ano o Goberno de Carmela Silva pon á disposición de Pontecesures a través do Plan Concellos 2019 un total de 365.824.31 euros, o que supón case un 3 % máis que no exercicio anterior.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que este ano son de 252.572,83 euros, o Concello de Pontecesures tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 32.824,93 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 80.408,55 euros da Liña 3 de Emprego cos que o Concello pode financiar a contratación de 9 traballadoras e traballadores municipais.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio do 2018.