Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia as obras para o acondicionamento de noiros na estrada provincial A Cañiza-Mourentán

A institución provincial investirá preto de 40.000 € para garantir a seguranza viaria das persoas usuarias da estrada. O prazo previsto de execución da actuación é de dous meses


29 xaneiro 2020
Estrada A Cañiza-Mourentan

A Deputación de Pontevedra comezou as obras para o acondicionamento dos noiros no punto quilométrico 1+550 da estrada provincial EP-5002 entre A Cañiza e Mourentán. En total, a institución provincial investirá na actuación preto de 40.000 € cun prazo de execución de dous meses. O obxectivo desta obra é garantir a seguranza viaria das persoas usuarias da estrada.

O acondicionamento desta estrada responde á inspección levada a cabo polo Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación que observou que os noiros do punto quilométrico 1+550 do viario EP-5002 A Cañiza-Mourentán, presentaban un aspecto de posible colapso. Deste xeito a actuación que vai acometer a institución provincial na estrada ten por obxectivo garantir a seguranza da vía, evitando a caída de rochas e derrubamentos de material térreo sobre as cunetas que ocasionaría situacións de perigo para as persoas usuarias.

A actuación que se acaba de iniciar na Cañiza vai afectar ambos lados dos noiros preto do punto quilométrico 1+550 nunha zona de aproximadamente 130 metros nas dúas marxes da estrada EP-5002. Concretamente, no noiro da marxe dereita vaise proceder á estabilización coa colocación dunha malla de contención dos posibles desprendementos e na marxe esquerda vaise a estabilizar e mellorar a drenaxe. Para elo executaranse bulóns e, entre outras actuacións e elementos, colocaranse placas e mallas metálicas.

Fotos