Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia os contactos coa Xunta cara á transferencia dos servizos que son competencia exclusiva da autonomía

A directora xeral de Familia trasladará á conselleira de Política Social a creación dunha comisión técnica que propón a Deputación de Pontevedra para estudiar prazos e recursos da futura transferencia do Centro de Menores Príncipe Felipe


21 xaneiro 2020
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra iniciou hoxe en Santiago de Compostela os contactos coa Xunta de Galicia para iniciar o proceso de diálogo e avaliación que culmine coa transferencia daqueles servizos que actualmente presta a institución provincial de forma impropia xa que son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma. Trátase da Cidade Infantil Príncipe Felipe, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, a Finca de Mouriscade e a Escola de Cantería, ademais da Escola de Enfermería que no seu caso estase a tratar coa Universidade de Vigo. Neste sentido, a institución provincial remitiu nas últimas semanas escritos ás consellerías da Xunta que estarían implicadas nestas transferencias para iniciar os contactos entre ambas as dúas institucións

Na primeira reunión, que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela na Consellería de Política Social, a deputada delegada do Centro de Menores Príncipe Felipe, Noemí Outeda, e o director do Centro, Manuel García, avanzaron á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, María Amparo González, a vontade da Deputación e a necesidade de chegar a acordos respecto a situación do Centro de Menores que é unha competencia exclusiva da Xunta a pesar que, de forma impropia, segue a depender da institución provincial. No encontro, a directora xeral aceptou trasladar á conselleira Fabiola García a proposta da Deputación de Pontevedra da necesidade de creación dunha comisión técnica que estude, avalíe e avance prazos e recursos da futura transferencia da Cidade Infantil á Xunta de Galicia, "unha comisión que a Deputación non entendería que se rexeitase por parte do Goberno galego". 

Mentres a transferencia non sexa unha realidade, acordouse comezar a falar de xeito inmediato da renovación do próximo convenio do Centro de Atención de Menores. Para elo, a Deputación instou á directora xeral de Familia á elaboración dun calendario de costes co fin de incrementar a aportación económica que fai a Xunta de Galicia para a atención dos menores de Príncipe Felipe co obxectivo de igualar as cantidades que destina a menores doutros centros educativos. Trátase, en definitiva de rematar coa discriminación actual que supón que a Consellería de Política Social estea a pagar catro veces menos pola atención a cada menor atendido en Príncipe Felipe en comparación co que aporta pola atención a menores que están en centros privados galegos.

A deputada Noemí Outeda e o director do Centro Príncipe Felipe, Manuel García tamén trasladaron á directora xeral de Familia o escrito que a Deputación remitiu á conselleira de Educación, Carmen Pomar, para concertar un próximo encontro cara a analizar a situación do resto dos centros educativos que actualmente se atopan na Cidade Infantil e que, igualmente, son de competencia directa da Xunta de Galicia. Mentres a transferencia non se realice, o Goberno de Carmela Silva quere iniciar as conversacións cara ao próximo convenio a fin de abordar a situación das edificacións, algunhas con deterioro severo, e con urxente necesidade de investimentos. A Deputación buscará acordar coa Consellería de Educación a formalización dun protocolo de actuación entre ambas as dúas institucións.