Noticias

A Deputación de Pontevedra inviste 150.000 euros no Concello de Moaña para a reforma do parque infantil de San Bartolomeu

A Xunta de Goberno deulles o visto e prace ás últimas modificacións introducidas polo Concello e facilitou así a licitación do proxecto


03 setembro 2019
Parque infantil Moaña

O Concello de Moaña ten vía libre para continuar coa licitación das obras de reforma do parque infantil de San Bartolomeu. A Deputación de Pontevedra, que financia integramente os 150.000 euros desta actuación a través do Plan Concellos, aprobou en Xunta de Goberno a modificación solicitada polo concello para optimizar materiais de superficie utilizados neste espazo de lecer.

As obras, que abranguen 2.500 m2, consisten na reforma integral do parque, con reparación e subministro de todos os elementos de xogo, así como o acondicionamento das superficies con caucho e céspede artificial para o amortecemento dos impactos. Tamén se deseñaron camiños de comunicación entre as diferentes zonas de xogos.

O espazo infantil pasará a dispor dunha montaña central de xogos equipada cun túnel de aceiro inoxidable e un equipo combinado en madeira composto de tres torres con oito plataformas a distintas alturas, tobogáns de 2,40 e 1,40 metros, pasarelas, pontes e cordas de equilibrios. Ademais, disporá de tirolesa con vigas metálicas e plataforma a 0,80 metros, dous pórticos de randeeiras con asentos planos e tipo berce e, finalmente, un trampolín de saltos.

As obras comezarán co desmonte das instalacións de madeira actuais e seguirán co acondicionamento dos areeiros e a instalación de soleiras independentes de formigón, superficies de amortecemento de impactos con lastras de caucho e céspede artificial, camiños interiores en xabre compactado e un bordo perimetral de formigón. Todo o conxunto quedará pechado con 106 metros de novo valado de madeira.