Noticias

A Deputación de Pontevedra inviste 618.074,23 euros na adaptación dos 9 puntos limpos da provincia

Carmela Silva destaca que as actuacións de adaptación dos puntos limpos ás normativas española e europea estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2020


02 setembro 2019
Puntos limpos

A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, os puntos limpos estean plenamente operativos no primeiro trimestre de 2020.

Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do "Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020". Naceu así o proxecto "ESTRAEE" (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.

O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25 % do orzamento global.

A institución provincial investirá 67.891,40 euros na adaptación dos puntos limpos de Bueu e A Lama, 28.604,08 euros no da Guarda, 55.597,24 euros nos de Gondomar e Nigrán, 86.528,82 euros nos de Vilagarcía de Arousa e Meaño, 26.596,26 euros no de Silleda e 48.665,59 euros no de Ponteareas co obxectivo de os acondicionar para a recollida e xestión dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), unha iniciativa que permitirá o cumprimento das normativas europea e española para o tratamento do lixo tecnolóxico.

Bueu e A Lama

Nos ecocentros de Bueu e A Lama é preciso instalar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e andeis, máquinas portapalés e, finalmente, equipos informáticos.

No que atinxe ás obras no punto limpo da Mancomunidade do Morrazo, en Bueu, está previsto construír un almacén para RAEE e reutilización, que estará totalmente cerrado, con soleira impermeabilizada e arqueta cega. Instalarase iluminación no almacén e tamén protección contra incendios e paneis indicativos. A previsión de investimento é de 39.287,32 euros e o prazo de execución de dous meses unha vez adxudicado o contrato.

En A Lama construirase no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalarase iluminación no almacén e proverase de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O custo é de 28.604,08 euros e o prazo de execución tamén é de dous meses.

A Guarda

No caso concreto da Guarda cómpre subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e andeis, máquinas portapalés e, finalmente, equipos informáticos.

No que atinxe ás obras neste ecocentro, construirase no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalarase iluminación no almacén e proverase de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. A empresa que resulte adxudicataria das obras disporá dun prazo de 2 meses para as executar.

Gondomar e Nigrán

Nos ecocentros de Gondomar e Nigrán é preciso subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e andeis, máquinas portapalés e, finalmente, equipos informáticos .

No que atinxe ás obras no punto limpo de Gondomar, vaise construír un almacén propio de RAEE, totalmente pechado, con soleira impermeabilizada e arqueta para a recollida de posibles derramamento. No nivel inferior haberá un edificio para almacén e reutilización. Instalarase iluminación e tamén un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O orzamento concreto para este punto limpo é de 35.637,19 euros.

No punto limpo de Nigrán obrarase para instalar nova iluminación e portas corredoiras con peche de seguridade. Construirase un edificio no nivel superior, pegado ao existente, para reutilización que se poderá usar tamén como almacén de RAEE. Tamén será dotado dun sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos. O custo en Nigrán ascende a 19.960,05 euros. O prazo de execución en ambas as dúas obras será, unha vez adxudicadas, de dous meses.

Vilagarcía de Arousa e Meaño

Tanto en Vilagarcía de Arousa como en Meaño é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e andeis, máquinas portapalés e, finalmente, equipos informáticos.

No que atinxe ás obras no ecocentro de Vilagarcía de Arousa, cun custo de 71.965,41 euros, vaise demoler a soleira existente para mellorar a drenaxe de augas pluviais, instalarase iluminación no almacén e construirase un edificio sobre o actual, duns 207 metros cadrados, co obxectivo de aumentar a capacidade de almacenaxe e poder levar a cabo as labores de reutilización. Finalmente, será dotado dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos.

No caso de Meaño vaise demoler a soleira para mellorar a drenaxe das augas pluviais, colocarase iluminación no almacén, modificaranse as portas de acceso e dotarase de sistema de protección contra incendios. O custo previsto é de 14.562,42 euros.

A empresa que resulte adxudicataria das obras disporá dun prazo de tres meses para a execución das obras en Vilagarcía de Arousa, mentres que en Meaño será de 1,5 meses.

Silleda

No caso concreto de Silleda é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e andeis, máquinas portapalés e, finalmente, equipos informáticos.

No que atinxe ás obras, no punto limpo silledense hai que demoler a soleira para mellorar a drenaxe de augas pluviais. Ademais, vaise instalar iluminación no almacén e construírse outro almacén, pegado ao existente, para a reutilización e mesmo para utilizalo como almacén de RAEE en caso de saturación. Finalmente, precísanse un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O custo de todas estas actuacións é de 26.596,26 euros e o prazo de execución, tras a adxudicación do contrato, será de dous meses.

Ponteareas

No caso concreto de Ponteareas cómpre prover sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e andeis, máquinas portapalés e, finalmente, equipos informáticos.

No que atinxe ás obras deste ecocentro, vanse construír dous almacéns independentes para almacenar RAEE (3o m2) e para a reutilización (28 m2). Tamén se vai iluminar o almacén e instalar un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O custo previsto destas obras é de 48.665,59 euros e o prazo de execución, trala adxudicación do contrato, será de dous meses.

A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto "ESTRAEE" xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e EnergyLab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).

Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18 % e un 26 % anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que lle causan graves prexuízos ao medio ambiente.