Noticias

A Deputación de Pontevedra inviste preto de medio millón de euros en 52 clubs de deporte náutico

Estas subvencións teñen por obxectivo contribuír á participación en ligas e competicións oficiais provinciais, autonómicas ou nacionais dos clubs de piragüismo, remo e vela


21 setembro 2019
Subvencións deporte náutico

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión das subvencións para clubs deportivos da provincia que practican deportes náuticos. Tal e como informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "estas axudas teñen un importe de 478.000 euros e beneficiarán a un total de 52 clubs de piragüismo, remo e vela de 22 concellos da provincia".

O obxectivo destas subvencións é axudar a que os clubs da provincia poidan participar en ligas e competicións oficiais provinciais, autonómicas ou nacionais convocadas por federacións deportivas galegas ou nacionais. Así, este ano vanse beneficiar das achegas 52 clubs, dos cales 27 son de piragüismo, 17 de remo e 8 de vela. Máis polo miúdo, os clubs de piragüismo recibirán 265.000 euros, os de remo 150.000 e os de vela 63.000.

Os 52 clubs que recibirán esta subvención da Deputación de Pontevedra pertencen a 22 concellos da provincia, entre os que se atopan Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, A Guarda, Marín, Moaña, Mondariz-Balneario, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.