Noticias

A Deputación de Pontevedra lanza un novo modelo de apoio á formación e o emprego destinado á mocidade e ás empresas da provincia

Carlos Font explicou que o plan estará dirixido ás persoas tituladas universitarias e estudantes de FP e "suporá un xiro de 180 graos para o fomento da formación e do emprego"


20 decembro 2018
Carlos López Font

O Goberno da Deputación de Pontevedra poñerá en marcha o próximo ano un novo modelo de apoio á formación e ao emprego, destinado ás tituladas e titulados universitarios e estudantes de Formación Profesional. A decisión foi tomada polo Goberno provincial unha vez que o goberno de España aprobou o pasado mes de xullo un novo Plan Director, que pretende fomentar que os postos de formación sexan de maior calidade e maiores dereitos. Así o confirmou hoxe o deputado Carlos Font nunha reunión celebrada coas empresas que participaban no antigo Plan de Práctica Laboral.

Font explicou que con este novo modelo, "que xa temos moi avanzado", se manterá o apoio ás persoas que finalizan a súa formación universitaria ou formación profesional e precisan dun período de tempo de formación en prácticas nas empresas, cumprindo escrupulosamente os obxectivos que persigue o Goberno de España de maior calidade e maiores dereitos. O deputado explicou que o novo modelo da Deputación será presentado nas próximas semanas aos colectivos empresariais da provincia para rematar de definilo e planificalo, así como incorporar as súas aportacións". O novo Plan, que é "un xiro de 180 graos" respecto aos diferentes modelos existentes ata agora, supón tamén unha garantía de seguridade ás empresas da provincia que poderán seguir así con prácticas que garantan todos os requisitos da nova normativa, ademais dunha nova aposta desta nova Deputación polo fomento da formación das persoas tituladas na Universidade e estudantes de Formación Profesional".

Tras a reunión coas empresas, o deputado valorou "a positiva reacción que atopamos, ademais que xa garantimos que estarán plenamente informadas de todo o proceso". Carlos Font lembrou que o modelo existente ata agora xa foi mellorado polo actual Goberno cando chegou á Deputación de Pontevedra. Incrementouse a axuda económica; incluíronse criterios a valorar como o compromiso de contratación das persoas bolseiras; ademais, aquelas entidades que manifestasen compromiso de contratación coa persoa bolseira, deberían presentar documentación que acreditase a relación contractual establecida que nunca podería ser por un período inferior a un mes e a duración da xornada laboral nunca podería ser inferior ao 50 % da xornada laboral prevista no convenio colectivo correspondente; reforzouse a cualificación e as labores das persoas titoras; a preferencia da selección; as garantías das persoas bolseiras e o seguimento de que realmente realizaban as prácticas que estaban establecidas nelas. "O novo modelo que implantaremos neste novo ano, rematou o deputado, é un paso moito máis importante xa que suporá unha maior dignificación da formación laboral e unha maior seguridade para as nosas empresas".