Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a Portas a exposición "A gaita na música tradicional galega"

A mostra sobre a historia do paradigmático instrumento da música galega poderá visitarse na Casa da Cultura desde este martes 3 de decembro ata o 3 de xaneiro


01 decembro 2019
A gaita na música galega

A mostra "A gaita na música tradicional galega", organizada pola Deputación de Pontevedra, poderá visitarse desde o próximo martes 3 de decembro ata o 3 de xaneiro de 2020 na Casa da Cultura de Portas. A apertura da exposición terá lugar o 3 de decembro ás 12 horas e o horario de visita será de luns a venres, de 17 a 19 horas.

Esta iniciativa repasa a historia da gaita a través de dez paneis, desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no ano 2000 AC, onde xa se rexistra a unión dunha bolsa ou fol a un tubo sonoro, ata a actualidade. A exposición fai paradas en fitos e cuestións particulares, coma a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da Asociación de Gaiteiros Galegos ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol, a Casa da Gaita de Viascón.

A mostra pretende poñer en valor o que se considera o instrumento paradigmático da música galega e ao que diferentes autoras e autores lle dedican especial atención, desde Casto Sampedro no seu Cancioneiro musical de Galicia ata estudosos actuais coma Xesús Ferro Ruibal, María do Carme Novoa ou María Pilar Alén.

Ademais, a exposición tamén lle rende homenaxe á figura da gaiteira ou gaiteiro, que desempeñou un papel musicalmente preponderante na sociedade xa desde o Imperio Romano, no que tibicen e auletes practicaban un tipo de música reservada para os rituais, espectáculos públicos e grandes celebracións. Este foi o seu papel na sociedade rural ata ben entrado o século XIX e, nalgunhas áreas remotas, ata pasada a metade do século XX.

"A gaita na música tradicional galega" está comisariada polo investigador e gaiteiro Xaime Estévez, o historiador Carlos Collazo e a xestora cultural Ana Costas; e conta coa participación da Asociación de Gaiteiros Galegos, o obradoiro Gil de gaita tradicional e o gaiteiro Pablo Carpintero. Esta mostra da Deputación, que inclúe numerosas fontes bibliográficas, deseños e fotografías dos fondos do Museo de Pontevedra, xa percorreu os concellos de Ponteareas, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, Moaña, Mondariz, Rodeiro, Cangas e Mos.