Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a Silleda unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde"

A institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos colaboran para achegarlles distintos temas sobre a saúde á xuventude e ás persoas maiores


02 decembro 2019
Tempo de saúde

Silleda acollerá mañá martes, 3 de decembro, unha conferencia no CPR Plurilingüe María Inmaculada dentro do ciclo "Tempo de saúde", a serie de charlas e coloquios sobre a saúde que xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A cita terá lugar ás 13:00 horas e nela a doutora Laura Couto Ramón abordará o tema "Nutrición e saúde, trastornos alimentarios". A conferencia está dirixida á xuventude, ás asociacións xuvenís e á veciñanza, e a ela asistirá o deputado provincial Manuel González.

A doutora Laura Couto Ramón, encargada da acción formativa, conta cunha gran preparación académica, posto que é graduada en Medicina pola Facultade de Santiago de Compostela e conta tamén cun ciclo formativo de grao superior en Anatomía Patolóxica. Ademais, posúe experiencia profesional no Centro Médico Cobián Areal e na Clínica Gaias de Vigo.

"Tempo de saúde" é unha proposta que consiste en accións formativas sobre a saúde, unhas dirixidas ás persoas da terceira idade e outras á xuventude. Este é o segundo ano que se leva a cabo o programa, que arrincou a principios de outubro en Redondela e que nesta ocasión chegará a 22 concellos da provincia de Pontevedra. As actividades formativas teñen unha duración dunha hora e, ao finalizar, ábrese un debate-coloquio coas persoas asistentes. Ademais, están impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias que traten. A creación dun clima de diálogo co público asistente ao redor de temáticas tan sensibles coma os trastornos alimentarios é un dos puntos clave da conferencia. Do mesmo xeito, co programa "Tempo de Saúde" búscase que todas as persoas que se acheguen ás súas charlas aprendan o máximo posible dos asuntos que tratan.