Noticias

A Deputación de Pontevedra leva mañá ata Forcarei unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde

A institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos colaboran para achegar distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores


07 outubro 2019
Tempo de saúde

Forcarei acollerá mañá unha conferencia no salón de actos do Concello da man do ciclo Tempo de Saúde, unha serie de charlas e coloquios sobre saúde que xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A cita terá lugar ás 19:00 horas e nela o doutor Juan José Sánchez Castro abordará o tema do "Alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas". A conferencia está dirixida a un público da terceira idade, pacientes, persoas coidadoras e usuarias das entidades de iniciativa social.

Tempo de Saúde é unha proposta que consiste en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas da terceira idade e outras á xuventude. Este é o segundo ano que se leva a cabo o programa, que arrincou a principios de mes en Redondela e que nesta ocasión chegará a 22 concellos da provincia de Pontevedra. As actividades formativas terán unha duración dunha hora cada unha e ao finalizar abrirase un debate-coloquio coas persoas asistentes. Ademais, estarán impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias que traten.

A creación dun clima de diálogo co público asistente ao redor de temáticas tan sensibles como son o alzhéimer e as enfermidades neurodexenerativas é un dos puntos clave da conferencia. Do mesmo xeito, o programa Tempo de Saúde tamén busca que todas as persoas que se acheguen ás súas charlas aprendan o máximo posible dos asuntos que tratan.

O doutor Juan José Sánchez Castro conta cunha gran formación académica posto que é licenciado en Medicina e Cirurxía, diplomado en Sanidade, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, máster en Mercados Financeiros e máster en Valoración de Empresas. Ademais, conta cunha ampla traxectoria profesional como xefe de servizo de atención primaria na Estrada, director xeral de infomercados e servizos financeiros e médico de familia así coma con varios premios e recoñecementos no seu currículo.

Ao igual que en Forcarei, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas sobre todo nos trastornos depresivos e ansiedade e no alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas. En canto á poboación máis nova, as conferencias centraranse nas enfermidades de transmisión sexual e na nutrición e a saúde.