Noticias

A Deputación de Pontevedra licita as obras de seguridade viaria e reposición do firme na EP-5003 A Cañiza-Arbo

O presuposto de licitación destes traballos, que se desenvolverán na maior parte da estrada, ascende a 886.829 euros


16 outubro 2019
Estrada A Cañiza-Arbo

A Deputación de Pontevedra acaba de licitar as obras de reposición de firme e de mellora da seguridade viaria na EP-5003 A Cañiza-Arbo, ao seu paso por estes dous concellos. O presuposto de licitación para esta actuación ascende a 886.829,11 euros e o prazo de presentación das ofertas rematará o 5 de novembro.

Os traballos consistirán no fresado e reposición de firme da estrada provincial en varios treitos, que constitúen a maior parte da estrada, e nun dos tramos executarase unha capa de microaglomerado en frío. Por outra banda, revisarase a sinalización vertical de velocidade, elevaranse varios pasos de peóns e estreitaranse os carrís na proximidade dos pasos de peóns, coa finalidade de calmar o tráfico. Ademais, reordenarase a explanada existente nas inmediacións do colexio de Valeixe e redistribuiranse os espazos da plataforma nun treito para favorecer o tránsito peonil.

Esta obra foi aprobada na Xunta de Goberno da Deputación do 26 de xullo, dentro dun paquete de diversas melloras nas estradas provinciais por un importe de 2 millóns de euros en cinco concellos da provincia. Estes traballos, como anunciou a presidenta, Carmela Silva, están destinados a consolidar o modelo de estradas que ten en marcha a institución provincial para "recuperar a seguridade viaria, a mobilidade peonil e os espazos públicos para a xente".