Noticias

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este venres o prazo de inscrición para o DepoDesafío 2018

A actividade, enmarcada no Plan estratéxico de deportes, dará comezo o 22 xullo e finalizará no mes de outubro


12 xullo 2018
Depo Desafío 2018

A Deputación de Pontevedra segue impulsando o deporte a través do novidoso formato DepoDesafío, que comezará o 22 de xullo e rematará o 7 de outubro. O programa, que se desenvolverá nos concellos de Tomiño, O Rosal, A Guarda, O Grove, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade e Vigo, está destinado a deportistas amantes do deporte extremo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este venres 13 de xullo, ás 14 horas, e o período de recollida dos dorsais será do martes 17 ao venres 20 de xullo no Servizo de Deportes da Deputación.

Máis polo miúdo, a primeira das probas do DepoDesafío terá lugar o 22 de xullo entre os concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda e consistirá nunha carreira a pé á beira do Miño, nun percorrido de 21 quilómetros e 97 metros que rematará aos pés do monte de Santa Trega.

Os demais desafíos consistirán nunha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e A Illa da Toxa, un trail polo concello da Cañiza de 15 quilómetros de espectaculares vistas e unha competición de BTT polo concello de Cerdedo-Cotobade a través de 35 quilómetros. Para pechar o DepoDesafío, terá lugar en Vigo, na praia de Samil, un tríatlon na modalidade distancia sprint con 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira.

As e os deportistas interesados en participar poden obter toda a información relativa ás necesidades técnicas necesarias na web da Deputación. Ademais, as persoas participantes entrarán nun sorteo de dous voos con acompañante Vigo-Valencia.

DepoDesafío enmárcase no Plan estratéxico de deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas como carreira, bicicleta e natación. Os principais obxectivos deste programa son popularizar estas probas deportivas, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.

Por outra banda, en cada unha das cinco probas haberá un gañador e unha gañadora que obterán un trofeo. Sen embargo soamente gañaran o DepoDesafío a muller e o home que finalicen ao menos 4 probas e consigan os máximos puntos. Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón Berlín, que inclúe voo e aloxamento para el/ela e acompañantes.