Noticias

A Deputación de Pontevedra participa en Madrid na constitución da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes

O deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, asinou esta mañá en presenza da Ministra Reyes Maroto a adhesión da institución provincial á Rede DTI


11 outubro 2018
Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou esta mañá da participación do deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, na reunión presidida pola ministra Reyes Maroto para constituír a Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes. Segundo asegurou Silva, "moi poucas deputacións provinciais e entidades locais de España foron escollidas polo Goberno de España para participar neste proxecto para a modernización tecnolóxica do sector turístico".

Neste eido, o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, asinou xa a acta de adhesión á Rede DTI ante a presenza da Ministra Reyes Maroto. Posteriormente déronse a coñecer os principais obxectivos da rede estatal, que funcionará como un órgano operativo a través do que se vai mellorar a experiencia do turismo a través da innovación e sustentabilidade. Ademais, desde a rede tamén se vai asesorar sobre calidade , solucións tecnolóxicas e capacitación dixital, así como ofertar mellores experiencias para as e os visitantes e mellorar a calidade de vida das persoas residentes nos destinos turísticos.

A Deputación de Pontevedra participou en setembro, como entidade promotora, na primeira reunión para a posta en marcha da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI). Naquela reunión, tal e como recordou Silva, fixouse a data do 11 de outubro para constituír a nova rede estatal e fixar os obxectivos e intencións da mesma.

Esgotadas as prazas para a primeira xornada TurisTIC

A presidenta da Deputación tamén informou que están xa esgotadas as cen prazas para participar na xornada Impacto das Novas Tecnoloxías no Sector Turístico, no marco da iniciativa TurisTIC, que terá lugar o 24 de outubro no castelo de Soutomaior.

Durante a xornada, as persoas participantes abordarán diversos temas relacionados coas oportunidades do novo turismo do século XXI, a innovación como motor de cambio do sector, a mellora da experiencia da ou do visitante e a fidelización de persoas turistas, o impacto das TIC no sector e a evolución da comunicación turística.

Durante a xornada tamén se farán entrega dos primeiros premios ao Talento Turístico da provincia de Pontevedra (nas modalidades de Talento Turístico Sustentable, Talento Turístico Innovador, Talento Turístico Gastronómico, Talento Turístico Experencial e Talento Turístico TIC) aos que se inscribiron un total de 22 empresas da provincia.