Noticias

A Deputación de Pontevedra participará no Cume Mundial do Clima como referencia local cara á transición ecolóxica

Carmela Silva intervirá sobre os retos locais fronte ao cambio climático. A Deputación de Pontevedra e a de Palencia son as únicas entidades provinciais que participan no evento


03 decembro 2019
A Deputación na COP25

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da participación da institución provincial no Cume Mundial do Clima que se está a celebrar en Madrid ata o 13 de decembro baixo o lema "É tempo de actuar". "Somos unha referencia a nivel estatal polo traballo desenvolvido desde o local cara á transición ecolóxica. Tanto é así que nos convidaron a participar no peche do Cume, o que significa que estamos a facer as cousas ben", asegurou a presidenta.

O venres 13 de decembro a Deputación de Pontevedra terá un papel protagonista na xornada "Os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático" que se desenvolverá entre as 10 e as 12 da mañá na Ágora (zona verde) do IFEMA de Madrid. A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, será quen inaugure a xornada, e nela participarán diversas alcaldesas e alcaldes. A Deputación de Pontevedra e a de Palencia, ambas as dúas presididas por mulleres, son as únicas entidades provinciais en participar.

A Deputación de Pontevedra participará na mesa 1, moderada por Milagros Tolón, alcaldesa de Toledo e vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), centrada nos "Compromisos internacionais dos gobernos locais", na que Carmela Silva intervirá xunto ao alcalde de Sevilla (Juan Espadas), o alcalde de Zaragoza (Jorge Azcón), a alcaldesa de Canyelles en Barcelona (Rosa Huguet), o alcalde de Soria (Carlos Martínez) e a alcaldesa de Xixón (Ana González). A presidenta Silva explicou que "falaremos nesta mesa sobre os proxectos desenvolvidos e a importancia de traballar desde o local para mudar o global, e tamén dos grandes retos provinciais na consecución da Axenda 2030".

Ademais da participación directa no Cume, a Deputación de Pontevedra tamén se vai adherir ás propostas da Rede Española de Cidades polo Clima a través de tres accións concretas, como informou a presidenta. A primeira delas terá lugar o 7 de decembro, entre as 20 e as 20:30 horas, e consistirá na apagada da iluminación das fachadas dos edificios da institución provincial. Xunto con esta actuación vaise  promover en primavera unha marcha popular polo clima en Pontevedra e en Vigo, na que participará a cidadanía de todas as idades, "para concienciar de que hai que tomar medidas para evitar o quecemento global". Finalmente, a institución tamén se vai sumar ao manifesto #UnÁrbolPorEuropa plantando unha árbore nun municipio da provincia antes do 5 de xuño, "visibilizando deste xeito a importancia do desenvolvemento sostible no local e involucrando á mocidade nos procesos de toma de decisións".

A presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que "o compromiso co medio ambiente e a transición ecolóxica, xunto coa igualdade, son as grandes áreas protagonistas do mandato. Xa iniciamos o camiño na pasada lexislatura, pero nesta imos seguir na mesma senda, reforzando toda a nosa acción encamiñada á defensa do planeta e a paliar a verdadeira emerxencia climática que vivimos". Así, a presidenta destacou a importancia de "impulsar iniciativas no eido local para transformar o global" e detallou moitas das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver. "A través destas iniciativas e de moitas outras estamos dirixindo esforzos considerables a darlles cumprimento aos ODS e aos retos da Axenda 2030, de tal xeito que no 2019 a institución provincial xa cumpriu o 91 % dos ODS. Queremos chegar ao 100 % e, por iso, no orzamento do 2020 todas as áreas desenvolveron os seus proxectos atendendo ao cumprimento dos retos da Axenda 2030", manifestou Silva.