Noticias

A Deputación pon en marcha o programa "Conectadas 2016"

"Conectadas 2016" é unha modificación radical do anterior programa "Pensa en ti", pasando, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, "de contidos para a muller do século XVIII a un programa adaptado á sociedade do século XXI"


20 dec 2015

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa "Conectadas 2016". A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, destacou que se trata "dunha modificación radical do anterior programa "Pensa en ti", xa que nós, como mulleres comprometidas coa igualdade real, consideramos que non era adecuado ofertar cursos que non estiveran adaptados a unha sociedade do século XXI".

"Conectadas 2016" promoverá, tal e como subliñou Silva, "que as mulleres reciban unha formación adecuada aos tempos actuais, que participen en actividades que as empoderen, que lles dean recursos de todo tipo para poder enfrontarse mellor ao mundo". Así, o programa ten como obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías e incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

As accións formativas deste programa, cunha duración de 35 horas, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración. As mulleres terán preferencia, reservándose o 25 % das prazas para homes, agás no bloque "Súmate ao cambio", no que a participación pode ser mixta xa que se cubrirán as prazas ao 50 %. Neste bloque, tal e como informou a presidenta da Deputación, "a distribución das prazas é ao 50 % porque queremos impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito persoal". 

Mentres que no programa "Pensa en ti", tal e como destacou Carmela Silva, "os bloques de contido eran artesanía, reparacións e bricolaxe, cociña, elaboracións artesanais, imaxe persoal ou música e baile, os que impulsaremos nós con ‘Conectadas 2016' son  oito totalmente diferentes aos que existían ata o de agora, son un concepto distinto de entender a formación que configuramos para as mulleres". Así, os contidos que se propoñen no novo programa son os seguintes:

  • Muller emprende: Iniciativas sostibles para o emprego. Neste bloque de contidos darase formación sobre crear unha empresa e deseñar un plan de negocio, community manager, comercio electrónico, asesoría laboral e fiscal e coaching.
  • Muller e cultura: Artes visuais. Este bloque temático abrangue cursos sobre edición de fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e animación á lectura e memoria.
  • Actualízate. Neste caso, trátase de alfabetizar dixitalmente as mulleres, do papel ao ordenador, correo electrónico, manexo de tableta, teléfono intelixente e redes sociais (Facebook, Twitter, blogs, etc.).
  • Coas túas mans. Neste bloque de contidos darase formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais, ademais de costura creativa.
  • Porque ti o fas. Este bloque temático abrangue cursos sobre arte floral e ornamentación, poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade, xardinería e horta ecolóxica.
  • Súmate ao cambio. Neste caso trátase de cursos sobre cociña e alimentación (hábitos saudables), conservación de alimentos (conservas artesanais), cociña para menú diario, tapas, petiscos e canapés, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados e dependencia, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coidado do teu vehículo, bricolaxe e reparacións no fogar, reciclaxe e medio ambiente e un módulo de igualdade.
  • Ponte en forma. Neste bloque de contidos darase formación sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia de mantemento, zumba e sendeirismo.
  • Coidados persoais e saúde. Este bloque temático abrangue cursos sobre menopausa saudable, coidar coidándonos, relación e manexo do estrés, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.

O programa "Conectadas 2016", ao que a Deputación de Pontevedra destina 321.433 € para o 2016, vai dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e a consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes. Estas organizacións deberán presentar as solicitudes, nun prazo de 30 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación no BOPPO, nos rexistros da Deputación. En total, a institución provincial oferta 267 prazas neste programa.