Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de estabilización na EP-0018 ao seu paso por Moraña

Os traballos, aos que a institución provincial destinou máis de 175.000 euros, permitiron a renovación e reparación do terreo e servizos


11 setembro 2019
Obras na estrada en Moraña

A Deputación de Pontevedra acaba de acometer as obras para a estabilización do terraplén no PQ 12+800 da EP-0018, ao seu paso por Xeve, Amil e Espedregueira, no concello de Moraña. O proxecto está rematado aínda que queda pendente a realización dunha hidrosementa, que se prevé comezar a finais deste mes, posto que as condicións meteorolóxicas actuais non son propicias. Trátase dunha actuación na que a institución provincial investiu 175.378,39 euros.

A estrada EP-0018, no PQ 12+800, contaba cunha sección a media ladeira cun terraplén de ao redor de 15 metros de altura, que presentaba lonxitudinalmente unha lixeira pendente. Neste eido, a beirarrúa do lado do terraplén estaba afundida nalgúns puntos, presentaba unha greta considerable e a barreira metálica estaba envorcada. Deste xeito, a actuación contemplou a substitución do terreo mobilizado por un novo terraplén, saneando o apoio e executando uns bancais na base deste. Ademais, instalouse un muro de escollera no pe do noiro.

Ademais, mantivéronse os dous carrís de 3,5 metros de ancho e, por cuestións xeométricas e de seguridade viaria, eliminouse a beirarrúa do lado do terraplén e ampliouse a interior. Tamén se renovou a barreira metálica e dispúxose unha beiravía de medio metro e unha berma de máis dun metro. Por último, repuxéronse os servizos afectados, entre os que se atopaban a iluminación pública, saneamento e liñas aéreas de telefonía. A empresa encargada de levar a cabo a actuación foi Construcciones Castro Figueiro, S. L. U.