Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da EP-2703 entre Pazos de Borbén e Ponteareas

Cun orzamento de case 600.000 euros a institución acaba de finalizar os traballos de mobilidade peonil e reforzo do firme


17 xuño 2020
EP-2703 Pazos de Borbén - Ponteareas

A Deputación de Pontevedra rematou as obras de mellora da mobilidade peonil e reforzo do firme na estrada provincial EP-2703 desde o p. q. 11+300 ata o p. q. 13+500, un tramo de máis de dous quilómetros que discorre entre os concellos de Pazos de Borbén e Ponteareas. Esta actuación, enmarcada no modelo de mobilidade segura da institución provincial, foi financiada cun orzamento de 580.169,40 euros.

Os traballos realizados consistiron no reforzo do firme entre o p. q. 11+300 e o p. q. 13+500 e a mellora da mobilidade peonil entre o p. q. 12+475 e o p. q. 13+045. Dentro deste ámbito de actuación leváronse a cabo accións de limpeza, roce e demolición. Ademais, adaptouse a drenaxe á actuación proxectada e déuselle continuidade ao abastecemento en 240 metros do percorrido.

Tamén se realizaron movementos de terra e estruturas de contención necesarias para ampliar a sección así como a redistribución de espazos na calzada e a execución de disipadores de velocidade. Por último, creáronse espazos de convivencia e reinstaláronse os sinais do viario adaptándoos á nova actuación.