Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da seguranza viaria na EP-1306, en Bueu

A actuación, adxudicada por preto de 230.000 euros, permitiu a renovación e a mellora das deficiencias no viario da estrada que vai da Portela a Ermelo


29 outubro 2019
Estrada Bueu

A Deputación de Pontevedra rematou as obras para renovar o firme e acondicionar a estrada EP-1306 A Portela-Ermelo, en Bueu. Unha actuación que foi adxudicada por preto de 230.000 euros e que lle dá solución a unha demanda veciñal para a mellora da seguranza viaria.

En concreto, o viario presentaba deficiencias derivadas da circulación de vehículos pola capa intermedia do firme, posto que a estrada carecía de capa de rodaxe. Con esta actuación estendeuse a última capa de firme da estrada; a de rodaxe. Tamén se fresou e se repuxo a capa intermedia do firme nos treitos que presentaban fisuras.

Ademais, nos casos de deformacións executouse a reparación saneando a zona localizada coa extensión de macádam e a reposición do firme. Por último, a actuación completouse co repintado das marcas viarias e a colocación de sinalización vertical. A empresa encargada de levar a cabo a actuación foi Construcciones, Obras e Vías, S. A.