Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da seguranza viaria no tramo da EP-6408 que vai de Merza a Bascuas, en Vila de Cruces

O Goberno de Carmela Silva acaba de acondicionar este treito antigo para dar solución a unha demanda veciñal histórica


10 setembro 2019
Estrada Vila de Cruces

A Deputación de Pontevedra acaba de acometer as obras para a mellora da seguranza viaria no treito antigo da EP-6408 que vai de Merza a Bascuas, no concello de Vila de Cruces. Trátase dunha demanda veciñal histórica que o Goberno de Carmela Silva acaba de rematar.

Máis polo miúdo, as obras comprenderon a realización do fresado de firme e a reposición do mesmo con formigón bituminoso en varios treitos. Tamén, en dous tramos executouse o paquete de firme completo coa escavación de caixa de firme. No que respecta a toda superficie do viario, como remate do firme executouse unha regularización de 1 centímetro de espesor e 4 centímetros de capa de rodaxe, todo con mestura bituminosa en quente.

Pola súa banda, o proxecto tamén contemplou a execución de 25 metros de muro de cachotería para o sostemento da plataforma da zona ampliada. Ademais, instaláronse dous redutores físicos de velocidade de vehículos coa súa sinalización vertical correspondente. Por último, para toda a superficie do treito realizouse o recrecido de tapas de pozos, o pintado da sinalización horizontal e a disposición da sinalización vertical.