Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da seguridade viaria na EP-3101 en Tomiño entre Tebra e Cristelos

A actuación, adxudicada por preto de 110.000 euros, permitiu construír unha nova rotonda, canalizar o acceso á mesma e mellorar a sinalización da estrada


13 xaneiro 2020
Obras estrada Tomiño

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar as obras de mellora da seguridade viaria na rotonda no punto quilométrico 3+780 da estrada provincial 3101 entre Tebra e Cristelos, no concello de Tomiño. A actuación foi adxudicada por preto de 110.000 euros para acometer unha reforma global e melloras na intersección da estrada, enmarcada no modelo de mobilidade segura do Goberno provincial.

Máis polo miúdo, a través destas obras deseñouse unha nova rotonda co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na intersección. Así, configurouse unha rotonda de diámetro exterior de 28 metros e interior de 8 metros, con dous carrís. Asemade, para canalizar o acceso á mesma, dispúxose mediante sinalización horizontal de illotes nunha lonxitude superior a 25 metros. Tamén se acondicionaron zonas peonís na parada de autobús, á que terá acceso directo a través da rotonda e quedará marcada pola sinalización horizontal. Igualmente situáronse sumidoiros e cuneta para as augas pluviais e efectuouse a instalación dunha nova rede de alumeado público con todos os elementos precisos para o seu correcto funcionamento.

Con estas obras dáse solución á necesidade de impulsar melloras en canto á seguridade viaria na EP 3101, así como acometer actuacións de mantemento e saneamento da plataforma e mellorar a sinalización tanto do límite da estrada como da zona de parada de autobús.