Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase á campaña internacional "Breathlife, respira a vida"

Segue os pasos do País Vasco e Cataluña integrándose na iniciativa que parte da OMS, da ONU e da Coalición Clima e Aire Limpo para loitar contra "o asasino invisible": a contaminación atmosférica


13 agosto 2019
A Deputación súmase á campaña Breathlife,a Vida

A Deputación de Pontevedra adheriuse á campaña da Organización Mundial da Saúde, Nacións Unidas e a Coalición Clima e Aire Limpo que se coñece internacionalmente como "BreathLife" e que en España se denominou "Respira a vida". A entidade que preside Carmela Silva convértese, deste xeito, na terceira representante institucional española en sumarse a un proxecto no que, a día de hoxe, só participan o País Vasco e Cataluña. E para isto asume os obxectivos da campaña: involucrarse no cumprimento das directrices da OMS sobre a calidade do aire para o ano 2030, reducir á metade o número de mortes relacionadas coa contaminación atmosférica para o ano 2030 e reducir o ritmo do cambio climático en 0,5 graos para o ano 2050.

Carmela Silva presentou hoxe a iniciativa "BreathLife" acompañada da deputada delegada de Transición Ecolóxica, Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas. Silva destacou que a contaminación atmosférica, "o asasino invisible", causa 7 millóns de mortes ao ano no mundo e 10.000 en España, "máis que os accidentes de tráfico". Fixo, por tanto, unha chamada á concienciación da sociedade contra unha lacra que ataca especialmente as persoas maiores e tamén as máis cativas: "as avoas e avós; as netas e netos con asma". "Somos unha institución que se compromete coa vida da xente e que, desde o local, quere ser protagonista", remarcou. A Deputación de Pontevedra fixou a aposta cara á transición ecolóxica como unha das súas liñas transversais para este novo mandato municipal, polo que esta iniciativa encaixa perfectamente na súa folla de ruta e nos intereses xerais da provincia. Carmela Silva subliñou tamén que a participación neste proxecto internacional contribúe a situar a Deputación nunha posición máis competitiva para captar fondos europeos no marco da Axenda Urbana 2030.

As medidas clave que a Deputación desenvolverá no marco do pacto "BreathLife" encádranse nos sectores do transporte, a xestión de residuos, o abastecemento de enerxía e a alimentación, e van ter un impacto directo positivo en sectores estratéxicos coma o turismo ou o sector primario (vitivinícola e agrario). No eido do transporte xa están en marcha medidas coma o Plan MOVESE para reducir a velocidade en zonas urbanas ou o Plan DepoRemse para incrementar a seguridade viaria en centros de elevada atracción urbana. Na xestión de residuos a Deputación continúa impulsando o Plan Revitaliza, que converteu a provincia nun referente na aposta pola compostaxe dos residuos sólidos urbanos, ou o proxecto ESTRAEE, para a xestión de aparellos eléctricos electrónicos, financiado polo programa operativo Interreg POCTEP España-Portugal dos fondos Feder. Amais, a institución presentou proxectos para captar fondos Life (Programa de medio ambiente e acción polo clima 2014-2020) co fin de poñer en marcha as iniciativas Life CircWEEE (recuperación de residuos de equipos eléctricos, electrónicos, baterías, acumuladores e compoñentes) e Life DeAgua (tratamentos de augas residuais mediante sistemas naturais en zonas rurais).

No ámbito do abastecemento de enerxía xa están en marcha cinco liñas de apoio aos concellos para cambiar a súa iluminación exterior á tecnoloxía led (Programa operativo Feder de crecemento sustentable 2014-2020), así como outra liña para a iluminación sostible dos elementos catalogados como Bens de Interese Cultural, e un programa de substitución de caldeiras de gasóleo por equipos de biomasa.

Finalmente, no sector da alimentación e a agricultura a Deputación impulsa convenios para reducir o uso de pesticidas no ámbito do cultivo da mazá e a produción de leite ecolóxico. Tamén desenvolve o proxecto DepoVerde para as producións hortofrutícolas e apícolas en espazos naturais protexidos, o proxecto DepoApicultura para o fomento da apicultura sustentable e o DepoFroitos para o cultivo ecolóxico de froitos do bosque. Os programas SICOM (encadrados no proxecto europeo Life Viñas Atlánticas) para reducir os produtos fitosanitarios, estudar e asesorar sobre o impacto do cambio climático no sector vinícola, desenvolver sistemas de teledetección para calcular as áreas afectadas por incendios forestais e levar a cabo estudos para a mellora forestal e a creación de parques forestais completan as actuacións neste ámbito.

Audios

  • Audio