Noticias

A Deputación de Pontevedra volve levar ao festival Revenidas as súas campañas de igualdade para previr agresións sexuais

O Servizo de Igualdade deu a coñecer as novidades das iniciativas #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespéctote, e fixo balance da pasada edición nun encontro con persoal da corporación e do Concello


06 agosto 2019
Campaña de igualdade para previr agresións sexuais ao festival Revenidas

A Deputación de Pontevedra volverá levar esta vindeira fin de semana as súas campañas de igualdade #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespéctote para previr violacións en cita e agresións sexuais por submisión química ao festival Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía, un dos sete eventos do verán que conforman os Festivais Rías Baixas e que se desenvolverá do 9 ao 11 de agosto.

Co obxectivo de amosar as novidades desta nova edición e o plan de traballo, así como para presentar o balance da pasada edición das campañas neste festival, as técnicas de Igualdade da Deputación mantiveron hoxe un encontro coa concelleira de Igualdade, Tania García Sanmartín, e a técnica do CIM, Loli Maquieira, no concello de Vilagarcía.

A institución provincial instalará un punto de información o sábado 10 de agosto das 12 ás 18 horas (coincidindo coa sardiñada popular), con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos das campañas. #LembraEuDecidoTiRespectas vai dirixida tanto ás mozas coma aos mozos, con materiais nos que se ofrecen unhas pautas integrais de prevención e actuación contra os devanditos tipos de agresión sexual e nos que se amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Outros materiais (sombreiros, tarxetas, adhesivos e pulseiras) complementan as campañas e, como novidade, este ano repartiranse guías en castelán, recollendo así as suxestións do público da pasada edición que proviña doutras comunidades autónomas. No posto darase tamén información sobre o CIM de Vilagarcía para que as mulleres que se acheguen coñezan os seus servizos e localización.

O pasado ano pasaron mil persoas polo posto da Deputación, do total de 8.000 que foron atendidas no marco destas campañas de igualdade nos sete festivais de verán da provincia pontevedresa. No transcurso da reunión incidiuse na boa acollida que tivo a pasada edición, na que se deu un paso máis cara á implicación dos mozos coa campaña "Conta comigo, eu respéctote", coa que se pretende que eles amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

Por outra banda, a Deputación tamén levará ao festival Revenidas a súa campaña "Experiencias Sostibles", que está a concienciar na loita contra os plásticos e os seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas, e que sucede á que se desenvolveu o pasado ano, "Somos historias. Somos sostibles", na que se repartiron 2.750 ecocabichas neste festival. O punto de información estará instalado o sábado, día 10, das 13 ás 18 horas.