A Deputación destina 2,1 millóns de euros a outros nove municipios da man do Plan Concellos

Os fondos provinciais chegarán a Meaño, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Salvaterra de Miño, Tui e A Guarda

25/06/2022

A Deputación de Pontevedra revalida o seu compromiso cos municipios da provincia ao aprobar, en Xunta de Goberno, dez novas achegas do Plan Concellos por valor de 2.127.125 euros. Con estes fondos Meaño, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, O Porriño (para o que se deu luz verde a dúas subvencións), Salceda, Gondomar, Salvaterra de Miño, Tui e A Guarda realizarán obras de distinta índole. Neste senso, a presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que “a gran maioría delas teñen que ver con melloras na pavimentación de viarios e importantes actuacións de saneamento nestes concellos”.

Deste xeito, á comarca do Salnés chegarán máis de 178.000 euros cos que Meaño mellorará o segundo tramo do viario municipal que une os lugares de A Pedreira e Picón, na parroquia de Xil, ampliando a plataforma existente e pavimentando completamente o camiño ata o entronque coa EP-9302. Tamén foron aprobadas dúas achegas para a comarca de Pontevedra que supoñen preto de 645.000 euros para que Ponte Caldelas execute obras de mellora na pavimentación e sistema de drenaxe en 39 camiños interiores repartidos por todo o municipio, dende A Reigosa ata Laxoso. Outros 123.515 euros chegarán a Campo Lameiro para a mellora dos camiños Caneda, Castriño, Chacente de Abaixo, Chacente de Arriba, Fajid, Gargallóns, Praderrei e Redonde, implantando cunetas de formigón para redirixir e controlar as auga de chuvia, xunto coa renovación do firme.

Tamén foron aprobadas achegas para a comarca de Vigo. Máis polo miúdo, para O Porriño concedéronse case 338.000 euros para a reforma da capa de rodadura en dúas estradas: en  Centeáns-Corzón no tramo do Centro Cultural, na parroquia de Pontellas (136.430 euros), e no entorno rural de Cabadiña-Madorras-Louriña, que pertence ás parroquias de Mosende e Pontellas (101.340 euros). E tamén se deu luz verde a 182.855 euros para que Gondomar leve a cabo a drenaxe e pavimentaicón de viarios na Fraga.

Os recursos provinciais tamén chegarán á comarca do Condado e da Paradanta a través dunha achega para Salvaterra por valor de 168.580 euros para a mellora de accesos nas parroquias de Meder, Fiolledo, Leirado e Arantei mediante a pavimentación de oito camiños municipais nas mesmas. Ademais, foron aprobadas achegas para a comarca do Baixo Miño: 306.480 euros para que Tui realice saneamento e pavimentación nos barrios de Sambade e A Cruz, na parroquia de Malvas, e outros 150.000 euros para que A Guarda acondicione os antigos patios do colexio Sinde e os dote das características precisas para o seu uso como espazo público.

 

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 19 resultados.