Noticias

A Deputación destina 600.000 euros para adaptar nove puntos limpos no marco do ESTRAEE

Este proxecto europeo, cun investimento de máis de 2 millóns de euros, busca mellorar a xestión transfronteiriza dos residuos dos aparellos electrónicos e eléctricos


05 maio 2018
A Deputación de Pontevedra aproba axudas para o proxecto ESTRAEE de xestión de residuos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de axudas por valor de 618.000 euros con destino á adaptación de nove puntos limpos da provincia de Pontevedra no marco das actividades do proxecto ESTRAEE, que ten por obxectivo mellorar a xestión transfronteiriza dos residuos que xeran os aparellos eléctricos e electrónicos mediante o fomento de tecnoloxías innovadoras para a protección ambiental e a eficiencia dos recursos.

Carmela Silva sinalou que beneficiaranse destas achegas A Guarda, A Lama, Gondomar, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e a Mancomunidade de concellos do Morrazo.

ESTRAEE é un proxecto que conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75 % pertencentes a fondos da Unión Europea, que busca dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos.

A Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto no que participan outras catro entidades españolas e dúas portuguesas, considerando que os residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos supoñen un verdadeiro problema debido ao seu importante contido en metais pesados e substancias tóxicas que, sen un tratamento especial, liberan ao medio ambiente.

Ademais da adaptación destes 9 puntos limpos, a Deputación de Pontevedra no marco do ESTRAEE redactará ordenanzas municipais comúns sobre a pre-recollida, recollida, preparación para a reutilización e reciclaxe dos RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos) de orixe doméstica; realizará unha análise do ciclo de vida, comparando a reciclaxe e reutilización de diferentes tipoloxías de RAEE para cuantificar os parámetros de sustentabilidade do proceso de reutilización fronte ao de reciclaxe (froito da cal se definirá un manual de proceso de reutilización dos residuos); e creará unha bolsa de recursos e materias primas secundarias, potenciando a saída destes produtos de xeito áxil e ordenado. Ademais, levaranse a cabo actividades de divulgación, motivación social e implicación de produtores e fabricantes na estratexia para dar a coñecer a necesidade e utilidade deste proxecto.