A Deputación destina máis de 2,5 millóns de euros a actuacións en once concellos da provincia

As subvencións chegarán a Cambados, Vila de Cruces, Mondariz-Balneario, Nigrán, Ponte Caldelas, Arbo, O Porriño, Pazos de Borbén, Tomiño e Tui

03/06/2022

Rolda de prensa

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde a 2.534.477 euros en investimentos que chegarán a once concellos da provincia. Grazas a estes recursos, realizaranse actuacións ao abeiro do Plan Concellos en Cambados, Vilaboa, Vila de Cruces e Mondariz-Balneario, e melloraranse infraestruturas en Nigrán e Ponte Caldelas. Ademais, mellorarase a eficiencia enerxética en Arbo, O Porriño, Pazos de Borbén, Tomiño e Tui grazas a una nova axuda do IDAE.

Plan Concellos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva deu conta de que no marco do Plan Concellos, aprobáronse 714.296 euros para catro municipios da provincia con carga á liña 1 de investimentos. Con estes fondos, Cambados, Vilaboa, Vila de Cruces e Mondariz-Balneario financiarán accións nas súas redes viarias e mesmo crearán un museo.

No caso de Cambados, aprobáronse 234.680 euros para pavimentar beirarrúas na rúa Pombal-Ribeira de Fefiñáns. Trátase dunha obra cunha grande importancia patrimonial, porque permitirá empedrar as beirarrúas e manter así a homoxeneidade da zona histórica”. Ademais, adaptaranse os seus anchos para cumprir a actual normativa de accesibilidade e se revisarán e adecuarán os farois e o mobiliario urbana existente.

Vilaboa recibe 199.860 euros para reasfaltar e calmar o tráfico en núcleos rurais das parroquias de Santa Cristina de Cobres e Vilaboa. As actuacións realizaranse en Río, Cimadevila, Pazo, Acuña e Paredes (na parroquia de Vilaboa) e en Larache (Santa Cristina de Cobres). Co fin de calmar o tráfico, empregaranse nalgúns dos tramos franxas transversais redutoras de velocidade.

En Vila de Cruces os 181.816 euros aprobados servirán para mellorar a capa de rodaxe de camiños en Cernadela e Soutomartín (Camanzo), en Igrexa de Bascuas, en A Brea (Fontao), en Abealla (Carbia), no Pazo (San Pedro), en Casal (Ferreirós) e nos camiños Igrexa de Duxame e de Portodemouros. Procederase a limpar as cunetas, repararse o firme, construír un novo firme ou pavimentar sobreanchos e entroques.

Por último, os 97.940 euros aprobados para Mondariz-Balneario servirán para acondicionar o segundo andar da Casa do Concello para Museo de Auga. Será un museo de tipo lineal que fará que as persoas que o visiten percorran e sintan toda a experiencia que ofrecerá, da que o propio espazo é parte. De feito, a auga é a protagonista e estará presente en elementos como o chan, as paredes e os teitos.

Infraestruturas

Carmela Silva tamén anunciou 1.228.647 euros para infraestruturas coa aprobación do convenio para a mellora da seguridade viaria na EP-2106 en Nigrán e acordo para o inicio do procedemento de licitación da mellora da seguridade viaria na EP-0407 en Ponte Caldelas.

No caso de Nigrán, construirase unha senda na EP-2106 A Ramallosa-Parada entre o barrio da Areíña e a contorna da Igrexa para garantir o itinerario peonil seguro dende a intersección coa PO-332, pasando polo núcleo rural de Santiago de Parada ata o cemiterio. Tamén se instalará unha plataforma única de convivencia nun treito de 250 metros de longo e se executará unha nova rede de pluviais para a recollida das augas de choiva, mellóranse servizos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións ou o cambio de alumeado, entre outras actuación. O orzamento é de 973.023 euros, aportando a Deputación o 70% (681.116 €).

En Ponte Caldelas, cun orzamento de 255.624 euros, con financiamento do 70% (178.946 €) con fondos propios da Deputación e o 30% restante (76.687 €) a través do Plan Concellos, actuarase en 225 metros da EP-0407, dende a rúa Lepanto e continuando pola explanada do aparcamento do centro de saúde en dirección á subida cara a igrexa de Santa Baia e O Casteliño. O obxectivo e recuperar este tramo da estrada devolvéndolle gran parte do espazo aos peóns e ás peoas, deseñando Lepanto con dobre sentido de circulación e o resto cun só de subida, dándolle a todo o espazo beirarrúas dun ancho mínimo de 2,5 metros.

Iluminación sostible

Carmela Silva informou finalmente das actuacións que se levarán a cabo nos concellos de Arbo, Pazos de Borbén, Tui, O Porriño e Tomiño para substituír as actuais luminarias exteriores por outras LED de alta eficiencia enerxética. O IDAE vén de conceder 591.534 euros para este proxecto ao abeiro do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, o que supón o 80% do custo das actuacións. En total, substituiranse 1.507 luminarias, conseguindo un aforro enerxético global do 60%. “Agora non hai Concello na provincia que non teña iluminación sostible financiada pola IDAE con proxectos desenvolvidos pola Deputación de Pontevedra”, confirmou a presidenta provincial.

Por concellos, Arbo (53.851 €) substituirá 47 das 1.960 luminarias e actuará en 3 dos 171 cadros de mando, conseguindo un aforro enerxético do 54%. En Pazos de Borbén (163.799 €) substituiranse 432 dos 1.636 puntos de luz e actuarase en 12 dos 35 cadros de mando, o que levará parello un aforro enerxético do 61,4%. Por outra banda, en Tui (90.406 €) substituiranse 206 das 6.172 luminarias e actuarase en 9 dos 106 cadros de mando. Neste caso, o aforro enerxético será do 49,7%. Ademais, no Porriño (151.924 €) serán 442 dos 1.935 os puntos de luz substituídos e actuarase sobre 2 dos 27 cadros de mando, cun aforro enerxético do 64,4%. Por último, en Tomiño (131.554 €) cambiaranse 376 das 6.155 luminarias exteriores e actuarase en 10 dos 238 cadros de mando, cun aforro enerxético do 57,7%.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.