Noticias

A Deputación de Pontevedra destina preto de 700.000 euros para investimentos nos concellos de Bueu, Gondomar, A Illa de Arousa e As Neves

A presidenta, Carmela Silva, destacou que as axudas do Plan Concellos están a permitir que os municipios de menor poboación non só poidan financiar obras, senón tamén "ter recursos para adquirir maquinaria coa que facer fronte ás súas necesidades"


19 setembro 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres novos recursos para os concellos da provincia por importe de case 700.000 euros, destinados a Bueu, Gondomar, A Illa de Arousa e As Neves. Case 400.000 euros corresponden a achegas do Plan Concellos e o resto a un proxecto de mellora de seguridade viaria no concello das Neves.

Respecto aos investimentos do Plan Concellos, a Deputación destina a Bueu 220.000 euros cos que poderá financiar a subministración dun furgón con remolque, un camión baldeador e camión con brazo guindastre. Pola súa banda, o concello de Gondomar percibirá 89.999 euros para sufragar a subministración dun tractor e rozadoira de brazo. Por último, tamén con cargo ao Plan Concellos, A Illa de Arousa recibirá 78.650 euros para financiar a reparación dun muro de contención na Sapeira

A presidenta, Carmela Silva, destacou que as achegas do Plan permiten aos concellos non só afrontar obras de saneamento, iluminación ou actuacións en viarios municipais, senón que como neste caso, "financiar toda aquela maquinaria que permite prestar os servizos". "Sen o Plan Concellos", dixo, "sería imposible que os municipios, sobre todo os de menos de 20.000 habitantes, puideran ter recursos para facer fronte a estas necesidades".

Doutra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou un investimento de preto de 300.000 euros para a mellora da seguridade viaria na estrada EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide no concello das Neves. A través desta actuación, reforzaranse os firmes da vía, faranse cunetas e renovarase a sinalización dun tramo de case 4 quilómetros para garantir a seguridade. O prazo de execución desta obra é de seis meses.