Noticias

A Deputación e a Real Academia Galega das Ciencias abren vías de colaboración para promover o interese pola ciencia na sociedade

Carmela Silva amosou a súa preocupación polo pouco interese que suscita a ciencia entre o público xeral "cando é o instrumento para o desenvolvemento e responde ás demandas do futuro"


06 agosto 2019
Academia das Ciencias

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse esta mañá no Pazo provincial co presidente e coa vicepresidenta da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio e Alicia Estévez Toranzo, co obxectivo de poder abrir vías de colaboración entre as institucións. Neste encontro, que foi unha primeira toma de contacto, a Deputación e a Real Academia iniciaron conversas que se materializarán na posta en marcha de proxectos e accións comúns que lle transmitan á cidadanía o aprecio pola ciencia, así como na descentralización de Santiago de Compostela das actividades que desenvolve a Academia para podelas levar aos grandes focos de poboación galega, como é o caso da provincia de Pontevedra.

A presidenta Carmela Silva aplaudiu o motivo da reunión, xa que, como lembrou, "desde a Deputación de Pontevedra levamos catro anos liderando, e neste mandato será un obxectivo principal, a promoción da transición ecolóxica, xa que estamos convencidas e convencidos de que o noso planeta está en perigo". A presidenta provincial asegurou que "debemos mudar hábitos a través da ciencia porque a xente non quere perder a súa calidade de vida; debemos crear unha nova que será moito mellor porque será respectuosa co medio ambiente".

Para Carmela Silva, "o feito de levar a cabo accións de divulgación científica, a pé de rúa e pensadas para un público xeral e non especializado, é unha decisión intelixente porque a xente quere saber o que lle está a pasar ao noso planeta e porque as institucións públicas debemos ser quen atraiamos a paixón pola ciencia". Así, asegurou, "estas actividades permitirán á Deputación de Pontevedra avanzar no seu modelo de administración: nova, que promove o cambio e que conecta coa cidadanía".

A presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que a importancia de transmitir o valor da ciencia entre a sociedade tamén reside en que "sen coñecemento e innovación ímolo ter moi difícil para ser unha sociedade digna ou crear emprego de calidade, xa que na ciencia é onde vai residir o novo liderado do mundo". Do mesmo xeito, "a ciencia constrúe a crítica racional e unha sociedade baseada no coñecemento, con moitas máis garantías de ter un futuro próspero".

Carmela Silva tamén sinalou a súa preocupación "polos baixos niveis de vocación científica entre a poboación máis nova, algo que non é entendible cando desde a ciencia é desde onde se lles vai dar resposta a todas as novas necesidades e demandas que temos todas e todos e as que teremos no futuro" e, especialmente, polas baixas porcentaxes de matriculación de mulleres nas carreiras científicas, tecnolóxicas e enxeñarías, que se sitúan arredor do 25 % (coa excepción das matemáticas, onde se sitúa aproximadamente no 40 %) e a ONU prevé que se reducirán aínda máis ata o 15 %. "Isto acontece así", valorou a Presidenta, "porque non se orienta ás mulleres cara a estes campos, senón cara a outros como poden ser os coidados".